domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

O CIFP Politécnico incorpora cursos de especialización e ciclos

Equipamento dos cursos de especialización do CIFP Politécnico. EP
Equipamento dos cursos de especialización do CIFP Politécnico. EP
A FP Dual ofrécese en edificación e obra civil, electricidad e e electrónica, fabricación mecánica, industrias alimentarias e sanidade

O CIFP Politécnico de Lugo continuará ofertando o vindeiro curso académico 2021-2022 todas as modalidades da FP e incorpora ademais importantes novidades.

A maior novidade son os dous cursos de especialización —ou másteres de Formación Profesional— en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación, cunha duración de 720 horas, e Fabricación aditiva, con 600. Oriéntanse a quen xa dispoñan da titulación de grao superior.

Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación

Pertence á familia profesional de Electricidade e electrónica e nel o alumnado aprenderá a definir e pór en práctica estratexias de seguridade nas organizacións e nas infraestruturas industriais, mediante a realización de diagnósticos de ciberseguridade e a identificación de vulnerabilidades, así como a execución das medidas necesarias para as arranxar, aplicando a normativa e os estándares do sector, protocolos de calidade, de prevención de riscos laborais e de respecto ambiental.

Fabricación aditiva

Pertence á familia profesional de Fabricación mecánica, sumándose ao ciclo medio de mecanizado e aos superiores de Programación da produción en fabricación mecánica, e Construccións metálicas (2º), na Formación Profesional Dual.

Quen realice este curso de especialización aprenderá a desenvolver e xestionar proxectos de fabricación aditiva mediante o uso de impresión 3D, supervisar ou executar a montaxe, mantemento e posta en marcha dos devanditos proxectos, así como tomar decisións de implementación no desenvolvemento de produtos de empresa.

Este vindeiro curso o Politécnico oferta dous ciclos de nova implantación, os superiores de Hixiene bucodental e Ensinanza e animación sociodeportiva, este último trasladado do IES Ollos Grandes.

O centro decano da FP en Lugo segue a rexistrar un incremento de matrículas ano tras ano

CS Hixiene bucodental

Faculta para promover a saúde bucodental das persoas e da comunidade, mediante o desenvolvemento de actividades preventivas e técnico asistenciais que inclúen a exploración, a avaliación, a promoción e a realización de técnicas odontolóxicas, en colaboración cos profesionais odontólogos e médicos estomatólogos. Como membro dun equipo de saúde bucodental a actividade profesional realizarase con criterios de calidade, seguridade e optimización de recursos. 

CS Ensinanza e animación sociodeportiva

Os estudantes deste ciclo aprenderán a elaborar, xestionar e avaliar proxectos de animación físico deportivos recreativos para todo tipo de persoas usuarias, programando e dirixindo as actividades de ensino, de inclusión socio deportiva e de tempo libre, coordinando as actuacións dos profesionais implicados garantindo a seguridade, respectando o ambiente e conseguindo a satisfacción das persoas usuarias, nos límites de custo previstos.

Equipamento dos cursos de especialización do CIFP Politécnico.EP

FP Dual

Inicianse ademais tres novos proxectos de FP Dual, o Ciclo Superior Automatización e robótica industrial, en colaboración con Ingapan SLU e Financiera maderera, SA (Finsa) , o Ciclo Medio de Elaboración de produtos alimentarios, en colaboración con Ingapan SLU e Novafrigsa SA, e a dobre titulación no Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría e Ciclo Medio de Atención a Persoas en situación dependencia: en colaboración con Geriatros SAU, Asistencia integral personalizada SL e Quavitae servicios SAU.

Os diferentes ciclos inclúen formación en centros de traballo da provincia

CS de Automatización e robótica industrial

O Ciclo Superior Automatización e robótica industrial, pertence á familia de Electricidade e Electrónica e permitirá ao alumnado desenvolver e xestionar proxectos de montaxe e mantemento de instalacións automáticas de medida, regulación e control de procesos en sistemas industriais, así como supervisar ou executar a montaxe, o mantemento e a posta en marcha deses sistemas, respectando criterios de calidade, seguridade, protección ambiental e deseño universal. A actividade profesional exércese en empresas públicas e privadas relacionadas cos sistemas automáticos industriais, nas áreas de deseño, montaxe e mantemento de sistemas de automatización industrial.

OfertaCM de Elaboración de produtos alimentario

O Ciclo Medio de Elaboración de produtos alimentarios, pola súa banda, pertence á familia formativa de Industrias alimentarias. A competencia xeral deste título consiste en elaborar e envasar produtos alimentarios de acordo cos plans de produción e calidade, así como efectuar o mantemento de primeiro nivel dos equipamentos, aplicando a lexislación de hixiene e seguridade alimentaria, de protección ambiental e prevención de riscos laborais. As persoas con este perfil profesional exercen a súa actividade, onde desenvolven tarefas individuais e en grupo, nas áreas funcionais de recepción de materias primas e materiais, preparación e manexo de equipamentos de produción, control de operacións de elaboración, envasamento e embalaxe, apoio ao control de calidade, e almacenamento e expedición de produtos acabados. En xeral, dependerán organicamente dun mando intermedio, coa excepión de pequenas empresas ou nas que aínda as operacións manuais posúan relevancia, nas que poden exercer funcións de supervisión de operarios e depender, no seu exercicio, directamente da dirección de produción.

CM Coidados Auxiliares de Enfermaría + CM Atención a Persoas en situación de dependencia

 Pertencente á familia profesional de Sanidade, súmase ao ciclos medios de Farmacia e parafarmacia (así como ao de Coidados Auxiliares de Enfermaría), e aos superiores de Próteses dentais, Laboratorio clínico e biomédico, ou ao anteriormente referido de Hixiene bucodental.

Deste xeito o CIFP Politécnico continúa achegando ao alumnado lucense unha ampla oferta formativa que, baseada nunha ensinanza de calidade, inclúe ciclos medios e superiores de diferentes especialidades en réxime ordinario e unha ampla selección de módulos e ciclos medios en réxime de adultos, presenciais e a distancia.

No réxime ordinario o centro lucense imparte as familias formativas de actividades físicas e deportivas, Edificación e obra civil —con estudos de FP Dual de Construción (2º) e Proxectos de edificación (2º)—; Electricidade e electrónica; Fabricación mecánica; Industrias alimentarias; Madeira, moble e cortiza; Sanidade, e Servizos socioculturais e á comunidade. No réxime de persoas adultas impártense os ciclos medios de Farmacia e Parafarmacia; Coidados auxiliares de enfermaría; Emerxencias sanitarias; Instalacións eléctricas e automáticas; Carpintaría e moble, e Atención a persoas en situación de dependencia, todos eles con formación en centros de traballo; así como o ciclo superior de Educación infantil, que inclúe un proxecto de atención á infancia.

O progresivo incremento no número de alumnos e alumnas rexistrado nos últimos cursos é un dos mellores indicativos da calidade da ensinanza do centro decano da FP en Lugo.

O CIFP Politécnico incorpora cursos de especialización e ciclos
comentarios