O CIFP As Mercedes obtén 795.000 euros para catro proxectos aeronáuticos

Financiará con esta partida un biplaza eléctrico tripulado, unha aeronave teledirigida con placas solares nas ás, un dron de hidróxeno e unha escola de formación deste tipo de vehículos
Coordinadores y profesores de los cuatro proyectos innovadores de As Merecdes que reciben financiación estatal. XESÚS PONTE
photo_camera Coordinadores y profesores de los cuatro proyectos innovadores de As Merecdes que reciben financiación estatal. XESÚS PONTE

A innovación ten a súa recompensa. O Ministerio de Educación e Formación Profesional concedeu 795.000 euros ao CIFP As Mercedes de Lugo para levar a cabo ao longo do próximo curso catro novos proxectos aeronáuticos.

Esas iniciativas do centro lucense consistirán no desenvolvemento dun biplaza eléctrico tripulado; unha aeronave teledirigida con placas solares nas ás; un dron de hidróxeno e unha escola de formación de drones e o desenvolvemento deste tipo de vehículos de curto, medio e longo alcance.

Luís Abelleira, que é profesor do ciclo superior de Aeromecánica e que coordina o proxecto do biplaza, asegurou que o CIFP As Mercedes será "o primeiro centro educativo público do mundo en desenvolver" unha aeronave tripulada eléctrica. Recordou que xa funciona na actualidade unha en Países Baixos, posta en marcha por unha empresa privada.

Este mes técnicos da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) desprazaranse á capital lucense para inspeccionar este proxecto, pois xa ten a estrutura feita. No próximo curso académico procederase a dotalo de instrumentos e motorización co fin de que voe no prazo de tres "anos", segundo as previsións que realiza Luís Abelleira.

O CIFP As Mercedes sería o primeiro centro docente público do mundo en botar a voar un biplaza tripulado eléctrico

A aeronave non tripulada, dirixida a distancia, que é outro dos proxectos que se financiará coa partida do Ministerio de Educación, terá "propulsión eléctrica e recarga de baterías con paneis solares flexibles, que configuran a estrutura da á", segundo explicou o seu coordinador, o profesor Adrián Fernández.

Este docente destacaba que neste proxecto prima "a utilización de materiais compostos, como fibra de carbono, e enerxías limpas, coas que buscamos solucións eficientes".

O terceiro proxecto financiado, que coordina Víctor Paz, é o dun dron impulsado con hidróxeno, que tamén está avanzado, como o do biplaza.

E o cuarto, dirixido por strong<> Francisco Taboada, é o dunha escola de formación de drones. Neste caso, segundo precisa Luís Abelleira, fabricarán unha unidade móbil que se desprazará a outros centros educativos para explicar como funcionan estes vehículos aéreos non tripulados.

Os docentes tamén recibirán formación na prestixiosa Escola Tknika do País Vasco

Este proxecto, no que colabora co CIFP Augas Novas de Albacete, tamén inclúe o desenvolvemento de drones de carga como os que se utilizan en paquetería (Amazon) ou para apoiar a servizos de urxencias.

As Mercedes encargarase dos vehículos aéreos non tripulados de curto e medio alcance, aqueles que se poden desprazar entre dous e cinco quilómetros e transportar entre tres e cinco quilos de peso, aproximadamente. O centro castelán-manchego ten por labor os de longo percorrido.

Estas iniciativas, nas que tamén colaboran os profesores Jesús Méndez e José Antonio Barrios, complétanse coa "detección de necesidades a nivel laboral e formativo no sector aeronáutico", segundo dá a coñecer a coordinadora xeral, Elena Otero. Ademais os docentes recibirán formación na Escola Tknika do País Vasco sobre "novas tecnoloxías e dixitalización".

Forma parte da rede de 45 centros de excelencia
O das Mercedes é un dos 45 de España que ten o distintivo de centro de excelencia de FP, na familia profesional de Aeromecánica, o que lle permitiu acceder a estas cuantiosas axudas do Ministerio de Educación.

En Galicia hai outros dous CIFP que gozan deste recoñecemento, o Ánxel Casal da Coruña, na rama sanitaria, e o Carlos Oroza de Pontevedra, na de hostalería.

Este centro da capital lucense, que conta cunha ampla oferta educativa, é ademais un dos poucos en España que dispón de ciclos superiores de Aeromecánica. Son só sete en todo o Estado.

Joaquín Expósito destaca que supón "dotación, innovación e traballo"

O director do CIFP As Mercedes, Joaquín Expósito, asegura que os 795.000 euros obtidos supoñen para o centro "dotación, innovación e traballo para os alumnos, que son os que terán que desenvolver os proxectos o curso que vén".

Ademais Joaquín Expósito destaca que lle posibilitará aos estudantes "adquirir novos coñecementos en novas tecnoloxías e en novos materiais".

Estes catro proxectos de innovación desenvolveranos os máis de 60 alumnos que están matriculados nos tres ciclos superiores de Mantemento Aeromecánico de Avións e Helicópteros de Turbina e de Avións de Pistón e no curso de especialización de Aeronaves non Tripuladas (drones).

Os primeiros ciclos de Aeromecánica comezáronse a impartir neste centro integrado de FP desde o curso 2016-17, así que está punto de concluír a sexta promoción.

A maioría dos alumnos proceden de fóra da provincia de Lugo. Ademais de de o resto de Galicia, hainos de León, Zaragoza ou Palma de Mallorca, entre outras.

O CIFP As Mercedes, que deu os seus primeiros pasos en 1969 como escola dentro da entón obra sindical de Formación Profesional, conta con 1.040 alumnos e 82 profesores.

Comentarios