Ciudadanos pide á Xunta unha alternativa á planta de biomasa da Residencia

A formación laranxa presentará unha moción no próximo pleno do Concello de Lugo na que urxe un plan de actuación para este barrio
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Unha recente manifestación veciñal na Residencia contra a planta de biomasa e o trazado do carril bici. AEP

O concelleiro de Ciudadanos Juan Vidal Pardo recordou o rexeitamento da asociación veciñal á planta de biomasa que proxecta a Xunta para abastecer enerxéticamente a todos os servizos que funcionarán nos terreos do antigo Hospital.

Este edil, que asegurou que este tipo de instalacións xa tiveron "problemas en moitas outras cidades por situarse nas inmediacións de vivendas", dixo que no caso do barrio da Residencia "no ámbito de afección desta planta, fixado pola UE en 500 metros, localízanse varios parques infantís e centros docentes".

Vidal Pardo citou que a menos de 500 metros da cheminea desta planta de biomasa están os colexios Casás, Menéndez Pelayo e Divino Maestro, o instituto Leiras Pulpeiro e as escolas Infantís Serra de Outes, Barrio SésamoArca de Noé.

Ciudadanos propón crear un aparcadoiro público e apostar por outras enerxías renovables no canto da planta de biomasa

"Os resultados de estudos respecto ao impacto deste tipo de instalacións indican que entrañan riscos para a saúde sobre todo no proceso de combustión, pola liberación de dióxido de carbono e  monóxido de carbono en niveis que, a pesar de filtros, restan calidade ao aire", afirmou este concelleiro, que engadiu que "aumenta a incidencia de problemas respiratorios, como alerxias e EPOC".

Ciudadanos, que recorda a perda de prazas de aparcadoiro no barrio que supón a instalación do carril bici, propón medidas que permitan "reverter a situación de degradación" desta zona de Lugo. Por unha banda, crear un aparcadoiro público nas inmediacións do antigo hospital e, por outra parte, insta á Xunta a buscar "unha alternativa de xeración de enerxía á planta de biomasa apostando por enerxías renovables de menor impacto".

Comentarios