CIFP Politécnico de Lugo: O ciclo de Instalacións de Telecomunicacións rexistra altos niveis de emprego

O CIFP Politécnico é o único da capital que imparte estas ensinanzas relacionadas con moitas ramas do tecido produtivo ► O centro ten aberta a matrícula do Ciclo Medio de Mecanizado, cada vez máis demandado polas empresas, que inclúe 2.000 horas de formación
Un alumno levando a cabo unha das aplicacións do CM de Instalacións de Telecomunicacións. EP
photo_camera Un alumno levando a cabo unha das aplicacións do CM de Instalacións de Telecomunicacións. EP

O ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións é un dos que maior nivel de emprego rexistra nos últimos anos. Estas ensinanzas están dentro da oferta do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Lugo, o único da capital que conta coa mencionada disciplina.

Hai dous factores que explican eses bos niveis de inserción laboral do ciclo. Dunha banda, hai poucos técnicos en instalacións de telecomunicacións. A maiores, estes titulados están vinculados a moitas ramas do tecido produtivo, polo que se trata de perfís demandados por empresas de sectores moi diferentes.

Ao longo da ducia de módulos que compoñen os estudos deste Ciclo Medio de Instalacións e Telecomunicacións, os alumnos e alumnas adquiren competencias relacionadas cos ámbitos da electrónica, a informática, redes informáticas, electricidade, seguridade electrónica (videovixiancia, intrusión...), radiocomunicacións, transmisión e recepción de datos por cable e fibra óptica, telefonía, megafonía, automatización de vivendas ou edificios, ou recepción e distribución de sinais de televisión e radio (satélite e terrestre).

O CM de Instalacións de Telecomunicacións inclúe unha formación no centro (con prioridade nos contidos prácticos e con aulas equipadas para iso) e un período de 410 horas en empresas e centros de traballo. Moitos dos estudantes xa atopan unha oferta de emprego ao remate dese período de prácticas externas.

Moitos alumnos atopan traballo nas empresas nas que realizan as prácticas

Tando nas ensinanzas que reciben no Politécnico coma nas empresas externas, os alumnos afondan en traballos relacionados coa montaxe de circuítos electrónicos ou eléctricos, montaxe e configuración de equipos informáticos, de redes informáticas, de antenas e equipos para a recepción de sinais de televisión, terrestre e satélite; realización de instalacións de telefonía, de fibra óptica, prácticas con radioenlaces, instalacións de viodevixilancia, montaxe de sistemas domóticos ou de instalacións de son e megafonía.

Politécnico 2

A TER EN CONTA. O prazo de matrícula ordinario para o Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicacións está aberto ata este venres. En función das prazas, haberá un segundo prazo extraordinario no mes de setembro.

Para matricularse neste ciclo hai distintas posibilidades. Ter un título de Eso, de FP Básica, unha proba de acceso ou ter cursado outro ciclo medio son algunhas delas.

Os coordinadores do ciclo no centro Politécnico insisten en que dende as propias empresas de Lugo lles piden cada ano técnicos na disciplina para incorporar á súa plantilla e tamén destacan as posibilidades de promoción que existen no sector, así como a ampla carteira de ámbitos nos que se pode traballar.

Este título tamén dá acceso directo a outros ciclos formativos de grao medio ou superior. Así coma ao de Bacharelato. A maiores, o Centro Politécnico traballa na implantación de módulos de especialización vinculados a este ciclo e a outros da súa familia profesional.

Para as persoas que queiran seguir formándose, o ciclo tamén dá acceso a outras titulacións

Ensinanzas
L1
Módulos e Horas
Electrónica aplicada: 266
Equipamentos microinformáticos: 133 
Formación e orientación laboral: 107
Instalacións de megafonía e sonorización: 160
Instalacións de radiocomunicacións: 107
Instalacións eléctricas básicas: 187
Circuíto pechado de televisión e seguridade electrónica: 157
Empresa e iniciativa emprendedora: 53
Formación en centros de traballo: 410
Infraestruturas comúns de telecomunicacións en vivendas e edificios: 123
Infraestruturas de redes de datos e sistemas de telefonía: 17
Instalacións domóticas: 123

A demanda de técnicos de mecanizado por parte das empresas medra cada ano

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Lugo ten unha ampla traxectoria nas ensinanzas vinculadas á familia profesional de Fabricación Mecánica, que están entre as que teñen maior demanda de emprego para os titulados de Formación Profesional. Dentro desta familia, ten moita relevancia o Ciclo Medio (CM) de Mecanizado, que se imparte no centro e no que se forman os técnicos de mecanizado. Cada ano increméntase o número de contratos para estes profesionais, segundo destaca o Informe Infoempleo Adecco e Sepe.

Politécnico 3

O CM de Mecanizado habilita os estudantes para realizar calquera traballo de técnico de fabricación e conformado de pezas en fábricas de automóbiles, en industrias transformadoras dos metais ou fábricas de pezas para aeroxeradores, entre outras. Tamén prepara os alumnos e alumnas para labores de mantemento de maquinaria nesas mesmas empresas.

Nesta liña, as ofertas laborais de operadores ou técnicos de mantemento de máquinas requiren nun 80% dos casos de técnicos especializados en mecanizado, un dato que tamén se indica no Informe Infoempleo Adecco e Sepe.

Durante máis de 2.000 horas de formación, na súa maioría de contido práctico, os alumnos e alumnas do CM de Mecanizado adquiren competencias para afrontar postos laborais en rectificadoras de pezas, mantemento mecánico, deseñadores de CAD, torneiros, fresadores ou fabricantes de moldes, entre outros.

politécnico 4

A formación que se imparte no CIFP Politécnico abrangue tanto prácticas no propio centro coma un módulo específico de Formación en Centros de Traballo.

O coordinador do ciclo no Politécnico explica que son maioría os rapaces que xa logran un posto de traballo ao remate do período de prácticas nas propias empresas. "Hai unha forte demanda de técnicos de mecanizado e trátase de postos de traballo cunhas boas condicións en canto a salario, horarios e posibilidades de promoción", insiste.

As condicións laborais de salario, horarios e promoción no sector son boas

Destaca tamén que, polo de agora, os rapaces seguen a ser maioría neste ciclo, pero fai un chamamento á igualdade nese senso. "Gustaríanos recibir tamén alumnas. Isto non é unha cuestión de sexos, é cuestión de que tanto rapaces como rapazas vexan que se lles gusta este ámbito de traballo, o nivel de inserción laboral é moi elevado. Estamos nunha sociedade na que faltan técnicos ben formados e as empresas chaman para pedirnos alumnos", insiste.

OS PRAZOS. A matrícula para o Ciclo Medio de Mecanizado está aberta con carácter xeral e ordinario dende este mércores ata este venres 30 de xullo. En setembro abrirase un segundo prazo extraordinario, a partir do día 2.

Para entrar neste ciclo medio, coma nos outros do mesmo nivel, é preciso contar con algunha das seguintes titulacións: graduado en Eso, FP Básica, proba de acceso ou ter realizado calquera outro ciclo medio.

O prazo de matrícula ordinario para o ciclo está aberto ata este venres

Ensinanzas do CM de Mecanizado
Cursos e Módulos
1º CM Mecanizado:
- Sistemas automatizados
- Interpretación gráfica
- Fabricación por arranque de labra
- Procesos de mecanizado
- Formación e orientación laboral
2º CM Mecanizado:
- Mecanizado por control numérico
- Fabricación por abrasión, electroerosión, corte e conformado, e por procesos especiais
- Metroloxía e ensaios
- Empresa e iniciativa emprendedora
- Formación en centros de traballo