O ciclo de Carpintería do Politécnico idea caixas personalizadas para o fogar

Fabricadas en madeira e con tinguiduras ecolóxicas, conxugan a decoración e a funcionalidade
Profesores y alumnos del CFIP Politécnico que paticipan en la miniempresa Tapibox. SEBAS SENANDE
photo_camera Profesores e alumnos do CIFP Politécnico que participan na miniempresa Tapibox.

Os hábitos de consumo están a cambiar atropelladamente. Os usuarios apostan cada vez máis por artigos personalizados e cun proceso produtivo sostible e saudable. Por outra banda, téndese a vivendas de menos superficie, polo que os seus moradores buscan mobles auxiliares que conjuguen decoración e funcionalidade. Estes foron dous dos criterios de mercado que tiveron en conta os alumnos e profesores do ciclo básico de FP de Carpintería e Moble no CIFP Politécnico da capital lucense para desenvolver a súa miniempresa Tapibox, que concorreu ao programa Lanzadeiras, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e coa colaboración da fundación Alcoa e o Grupo O Progreso.

Os 10 alumnos que cursan este ciclo formativo –cinco de primeiro e outros tantos de segundo– fabrican caixas de madeira exclusivas e personalizadas para o fogar, que non son só decorativas, senón que tamén resultan útiles para almacenar pezas ou obxectos.

As caixas poden ser de calquera tamaño. Fabrícanas en madeira autóctona, de carballo, castaño, bidueiro, fresno ou avellano, e utilizan tinguiduras e vernices ecolóxicos, que contan coa etiqueta Ecolabel, da Unión Europea.

Ademais do tamaño e a cor, o interesado pode elixir como quere personalizar a caixa, por exemplo co escudo dun equipo de fútbol; o logo dunha marca automobilística ou motociclística; un nome ou un retrato, e se se quere tapizar a tapa –con material propio ou achegado– para que se poida utilizar este moble auxiliar tamén como improvisado asento.

Os clientes poden elixir o tamaño, a cor, o deseño e o tapizado das caixas fabricadas con madeiras autónomas

"O cliente pode integralas totalmente na decoración do seu fogar", destaca a coordinadora de emprendemento do CIFP Politécnico, Isabel García, que sinala que o confinamento pola pandemia de covid-19 propiciou que os usuarios se preocupen máis pola decoración e a confortabilidad dos seus fogares" ao pasar máis tempo neles.

FORMACIÓN. Os alumnos do ciclo básico de FP de Carpintería e Moble do CIFP Politécnico de Lugo crearon esta miniempresa para o programa Lanzadeiras baixo a dirección dos profesores Darío do Val e Manuel Pena. Este último destaca que "non só fan pezas, senón que tamén lles dan utilidade".

"A fabricación das caixas de madeira permítelles compaxinar a miniempresa e o seu currículo formativo, que é do que se trata", engade este docente.

Manuel Pena destaca así mesmo que os seus alumnos puideron comprobar con este proxecto "as posibilidades que teñen no sector para crear unha empresa, que a carpintería ten moitas variantes, e ver todos os pasos que terían que dar: a constitución, o deseño do logo ou o cálculo dos prezos, a partir do custo dos materiais e as horas de man de obra".

Dez alumnos de entre 17 e 21 anos de idade
O ciclo básico de FP de Carpintería e Moble do CIFP Politécnico de Lugo conta con dez alumnos de entre 17 e 21 anos, que xa están a realizar prácticas en empresas. A benjamina é a única muller, Ruth Braña, que optou por estes estudos, segundo explica, porque "a parte de que podes facer cousas coas túas propias mans, gústame crear con madeira, son creativa".

Esta actividade resultoulle "divertida" porque lle fas ver á xente que se trata de caixas con deseño, que non é só crear un moble".

De principio a fin
Un dos integrantes máis veteranos deste proxecto que concorreu ao programa Lanzadeiras é Nico Rouco, de 21 anos. No seu caso atraeulle este ciclo porque "fas cousas que despois ves como queda o produto, completas todo o proceso".

Alternativa
Álvaro Fernández, de 20 anos, matriculouse neste ciclo porque non puido facelo no de Electrónica, que pretende estudar para completar a súa formación cando acabe o actual. No seu caso destaca que este proxecto lles permitiu ver "a utilidade que teñen" os artigos que fabrican.

Outro dos estudantes deste ciclo de Formación Profesional é Sixto Montenegro, que ten 18 anos. Destaca que coa fabricación destas caixas personalizadas puido comprobar "como se utilizan todas as ferramentas".

Comentarios