A CHMS ordena a Xunta e Concello que tiren unha rotonda construida na nova ponte de Paradai

Sostén que a glorieta de Serra de Meira invade o dominio público hidráulico e que foi feita sen permiso. A Xunta di que o trámite competía ao Concello e este, que a lei exime del e que a CHMS deu o visto e prace á obra dúas veces
La rotonda, que une Serra de Meira y el vial del puente de Paradai
photo_camera La rotonda, que une Serra de Meira y el vial del puente de Paradai

A Xunta, como promotora da obra, e o Concello, como titular do terreo, deben tirar unha das rotondas novas da ponte de Paradai -a que une a rúa Serra de Meira co viaduto- nun prazo de quince días. Esa é a resolución da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que esgota a vía administrativa dun expediente aberto polo organismo de conca en maio do ano pasado, por mor dunha denuncia de Adega e da gardería fluvial porque, supostamente, o viario invadía o dominio público hidráulico.

A CHMS conclúe que, efectivamente, a obra danou o dominio público porque foi realizada sobre zonas de servidume e policía de ambas as marxes do río Rato e, ademais, sen autorización administrativa da Confederación. Esta non só obriga a demoler a glorieta, senón que multa ao Concello e á Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas con 32.460 euros. Ante esta resolución só cabe recurso potestativo de reposición ante o presidente da CHMS ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O Concello xa anunciou que optará pola primeira vía e a consellería "analizará o contido da resolución e probablemente interporá recurso fronte a ela".

A Xunta cre que pode existir "marxe para a legalización das actuacións por parte do Concello" e este, pola súa banda, tamén confía en que se poida alcanzar unha solución "entre as tres administracións", aínda que a resolución da Confederación é rotunda e non dá opción a esa posibilidade.

A rotonda e o viario foron construídos para dar acceso á nova ponte de Paradai, en virtude a un convenio asinado pola Xunta e o Concello en 2009, aínda que o primeiro acordo entre administracións para a execución desa e outras infraestruturas que solucionasen os problemas de comunicación do barrio asinouse dez anos antes. Paradai esperou máis de tres lustros pola ponte, que custou 2,6 millóns de euros, e aínda agarda por dúas das obras previstas no traído e levado plan Paradai, como a mellora da Calzada das Gándaras e da rúa Serra de Meira, desde a rotonda agora en dúbida ata Carlos Azcárraga.

O problema, segundo a CHMS, é que o enlace entre a ponte e Serra de Meira, que inclúe unha gran rotonda, foi realizado sobre a canalización do Rato que fixo o organismo de conca en 2010 "para mellorar o réxime hidráulico da canle, non para a construción do viario e a glorieta", segundo a Confederación. O goberno local discrepa e recorda que esas actuacións non só estaban contempladas no plan xeral de urbanismo ao que a CHMS deu o visto e prace no seu día, senón tamén nos planos do proxecto de encanamento que fixo o organismo estatal. "Dificilmente pode alegarse que unha obra de soterramento de augas obedece á finalidade de regularizar o réxime hidráulico do curso fluvial", sostén o Concello, quen ademais precisa que a colocación dunha laxa sobre esa canle obedece necesariamente á previsión de utilización da parte superior. "A estrutura e conformación da lousa que cobre o canle só ten sentido, atendidas as súas grandes dimensións, para dar soporte físico a unha infraestrutura importante", recalca.

A cuestión é que, segundo a CHMS, non é suficiente con que a infraestrutura estivese prevista, tal como admite na resolución, senón que o Concello tiña obrigación de solicitar autorización, tal como establece a lexislación relativa a obras públicas que se fan en cooperación con entidades locais, argumenta. A Xunta, pola súa banda, tiña a obrigación de comprobar que esa autorización existía, asegura a CHMS, que por esa razón fai responsables a ambas as administracións a partes iguais. Con todo, tamén o Concello discrepa neste aspecto. Asegura que a obrigación de pedir informe, "que non autorización", é unha novidade introducida polo Real Decreto 1290/2012, en data posterior á aprobación do proxecto, en 2010.

Comentarios