A CHMS denega ao Fluvial a concesión para ocupar solo xunto ao río

Sostén que o proxecto que non respecta o dominio público hidráulico de cinco metros
Un corredor observa las instalaciones del Fluvial desde la paseral. SEBAS SENANDE
photo_camera Un corredor observa as instalacións do Fluvial desde a pasarela. SEBAS SENANDE

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) volveu denegar ao Club Fluvial a concesión para facer uso dos terreos situados en dominio público hidráulico, unha franxa de cinco metros entre o río e as instalacións da entidade que está, polo menos parcialmente, ocupada por equipamentos da sociedade, como áreas de xogo e de baño.

A denegación deriva do feito de que o proxecto presentado polo Club Fluvial contemplaba usos e actividades en terreos de dominio público hidráulico incompatibles co vixente Plan Hidrolóxico da demarcación do Miño-Sil, sinalou este mércores a CHMS.

Segundo precisou o órgano de conca, eses proxectos da entidade do barrio da Ponte supoñen unha "degradación" do dominio público hidráulico en canto á súa morfoloxía e características naturais. Entre outras consideracións, a solicitude do Club Fluvial incluía unha piscina que invade a canle do Miño e non recolle unha servidume alternativa con obxecto de dar continuidade ao paso público peonil previsto, apuntou onte a Confederación.

En concreto, os grandes escollos para a concesión poderían ser un muro, unha piscina infantil e as pistas de tenis.

A resolución da Confederación Hidrográfica, adoptada o 24 de xuño, aínda pode ser recorrida pola histórica sociedade lucense. Así, o Club Fluvial ten aberta agora a vía de presentar un recurso ante o órgano de conca ou tamén podería recorrer ao xulgado contencioso administrativo.

A entidade do barrio da Ponte tería aínda unha terceira opción para tentar manter a xestión desa franxa de solo de cinco metros pegada ao río: volver pedir a concesión noutro concurso público, presentando un novo proxecto que se axuste ás normas sobre o dereito de paso na franxa de dominio público hidráulico, sinalou este mércores a Confederación.

Sería xa o terceiro concurso. O primeiro, en 2019, declarouse deserto e no que se acaba de resolver rexeitáronse as dúas solicitudes presentadas. Ademais do Club Fluvial optou á concesión a asociación Ecoloxistas en Acción.

A proposta dese colectivo ecoloxista foi rexeitada, detallou este mércores a Confederación Hidrográfica, por non reunir os requisitos reglamentariamente establecidos, ao non presentar un documento técnico ou proxecto.

PRAIA FLUVIAL. A decisión do órgano de conca levantou un importante rebumbio entre os socios do club, o máis numeroso de Lugo, pero foi celebrada noutros ámbitos. Congratulouse especialmente do fallo a asociación ecoloxista Adega, que opinou que se dá unha oportunidade "única e irrepetible" de recuperar ese tramo do río Miño para o uso público e avogou por que o Concello promova a localización alí da longamente proxectada praia fluvial de Lugo.

O colectivo insta ao Concello a que pida a concesión dese tramo do río para unha zona pública de baño tras as erráticas xestións dos últimos anos.

"No século XXI, e nun contexto global de cambio climático, xa non teñen cabida autorizacións ou concesións en dominio público hidráulico que traten de perpetuar para as vindeiras décadas zonas de baño privadas ou de uso exclusivo para uns poucos e obras que interrompen o acceso ou paso público á zona de servidume", sostivo este mércores Adega, que pediu a retirada de todas as instalacións do Club Fluvial que son "ilegalizables".

O club da Ponte quere "facer valer" a súa historia e o seu número de socios
"O Club Fluvial quere facer valer o carácter social dunha entidade con 86 anos de historia e 17.000 socios, que chegou a ter 22.000", asegurou este mércores o seu presidente, Tito Valledor, ao referirse ao que supón un novo revés para a sociedade privada de Fermín Rivera. 

Tito Valledor anunciou que o Club Fluvial "esgotará as vías legais ao noso alcance", que son presentar un recurso de reposición ante a propia CHMS e, se a resolución desta volve ser desfavorable, acudir á xustiza ordinaria. 

Dixo que a entidade tamén tratará de establecer "diálogo" coa Confederación para coñecer cales son as instalacións deportivas que non son compatibles co Plan Hidrológico en vigor, que data de 2016, por se se puidesen "corrixir eses escollos". Intúe que o órgano de conca refírese ás pistas de tenis, citada expresamente na resolución oficial. 

A Tito Valledor resúltalle "cando menos rechamante" que cando se declarou deserto o primeiro concurso en 2019 a Confederación non aludiu a que instalacións deportivas do Club Fluvial non eran compatibles co Plan Hidrolóxico. 

Tamén prevé solicitar á CHMS que convoque un terceiro concurso público para presentar un novo proxecto para obter a concesión para o aproveitamento do río Miño como zona de baño. 

O presidente do Club Fluvial advirte ademais de que o expediente de caducidade é "un proceso de longo percorrido, que non se produce da noite para a mañá".

Comentarios