A moza supostamente arroxada da muralla non recorda nada do momento da caída

Investígase se as lagoas de memoria puideron deberse á caída ou a unha submisión química, porque o último recordo da muller é o de estar nun pub co detido polo suceso  O posicionamento dos teléfonos é clave

Primera asistencia a la joven tras la brutal caída desde la muralla. EP
photo_camera Primera asistencia a la joven tras la brutal caída desde la muralla. EP

A moza que estivo a piques de morrer tras unha caída duns dez metros desde o adarve da muralla non puido confirmar na súa declaración ante a xuíza de instrución que fose empuxada polo sospeitoso do ataque nin por ningunha outra persoa. Segundo puido saber O Progreso de fontes próximas á investigación, a moza asegura ter lagoas de memoria sobre o sucedido aquela noite do 30 ao 31 de outubro e non puido recordar ata agora nada do momento da caída e as súas circunstancias.

Si que recorda, por exemplo, que estivo co home investigado esa noite de copas polo caso vello, pero os seus recordos, aseguran as mesmas fontes, córtanse no último pub no que foron vistos.

Ver máis: O avogado da moza agredida na muralla apunta a un posible "compoñente de odio"

Hai que recordar que o investigado, un home de 24 anos e orixe romanesa aínda que fincado desde hai moitos anos en España, non negou en ningún momento que esa noite estivesen xuntos, aínda que si asegurou que el nin sequera chegou a subir ao adarve coa muller, unha moza trans de 23 anos que fuxiu de Colombia coa súa familia precisamente para non ser perseguida pola súa identidade de xénero. Nun primeiro momento, a familia da vítima apuntou a esta circunstancia para considerar o suceso un ataque transfóbico.

Tamén a Policía Nacional apuntou nas súas primeiras investigacións a esta posibilidade, ata o punto de que o home foi detido e acusado dun suposto delito de homicidio en grao de tentativa, acusación pola que mantén a obrigación de ir asinar ao xulgado e unha orde de afastamento da muller.

Esta parece que si ten momentos de claridade respecto dalgúns momentos desa noite, pero non respecto ao momento clave. Barállanse as posibilidades de que estes problemas sexan debidos a algún golpe na cabeza na caída ou ben que puidese estar provocados polo uso dalgún tipo de submisión química. Neste sentido, aínda se esperan os resultados das análises das mostras tomadas cando a muller ingresou nas Urxencias con feridas de gravidade.

Ver máis: A familia da moza arroxada desde a muralla: "Intentou matala por ser transexual"

Ademais, a xuíza de instrución 2 trata de encher estas lagoas na memoria da moza con outras actuacións, como as posibles imaxes de cámaras de seguridade da zona, aínda que non se espera moito desta dilixencia por que apenas as hai na zona do adarve desde onde caeu, preto da Praza do Ferrol.

Si que se espera que arroxe algún dato máis certeiro a análise do posicionamento dos teléfonos móbiles de vítima e sospeitoso no momento do suceso, aínda que neste caso todo dependerá da precisión: se é posible situar o teléfono do home xusto encima do adarve, onde el di que non chegou a subir, e non só cerca.

Acerca das dilixencias, tamén se tomou declaración nos últimos días ao primeiro policía local que chegou ata onde estaba tirada a moza, nun patio da rolda interior. Ao parecer, este afirmou que en ningún momento a muller dixo que a tiraron. Este luns estaba prevista a declaración do seu compañeiro, pero se suspendeu.
 

Aínda non sabe se quedarán secuelas
A moza ferida na caída desde o adarve abandonou xa o hospital Lucus Augusti, aínda que segue pendente de constantes revisións para vixiar o seu estado. De feito, aínda non sabe se lle quedarán secuelas físicas a medio ou longo prazo por mor das feridas, que a mantiveron moitos días na Uci.

Ademais das fracturas en brazo, perna esquerda e esternón —que lle causa serios problemas respiratorios—, preocupa como evolucionarán as feridas nas vértebras, aínda que de momento non parece haberlle afectado o movemento dos membros.

O que, segundo fontes próximas á moza, pode ser aínda máis complicado é a recuperación do seu ánimo, xa que "a nivel emocional está esnaquizada".

Non se pode esquecer que a muller pasou varias horas conscientes tirada no patio interior da muralla, ata que un cidadán pasou polo lugar á primeira hora da mañá, escoitou os débiles berros de auxilio e puido avisar a Urxencias.