Chama á Policía porque as relacións sexuais dos seus veciños "duran moito"

Os axentes foron ao piso da denunciante, pero non se escoitaban ruídos e xa non interviron

Unha lucense chamou o pasado luns á comisaría da Policía Local para denunciar as molestias que lle estaban ocasionando as relacións sexuais que supostamente mantiñan nese momento os seus veciños. A muller chamou de madrugada para mostrar as súas queixas e explicou que a parella que residía no piso inmediatamente superior ao seu estaba a manter relacións sexuais "pouco normais", xa que "duraban moito". Segundo explicou, os ruídos que se escoitaban desde o seu domicilio eran tan fortes que nin ela nin os seus fillos podían conciliar o soño.

Tras recibir a chamada, unha patrulla trasladouse ata o domicilio da denunciante para comprobar se realmente había un exceso de ruído que puidese constituír unha infracción á ordenanza municipal de medio ambiente. Esta norma contempla os ruídos procedentes do volume da música —que se poden medir cun sonómetro— e tamén os derivados da actividade humana, como poden ser os que se orixinan ao mover mobles, cantar, e incluso ao manter relacións sexuais.

Nestes últimos supostos, son os axentes os que teñen que realizar unha valoración subxectiva do ruído. E cando o consideran excesivo, identifican os autores e levantan acta.

A muller comentou incluso que os ruídos poderían proceder dunha película pornográfica e que iso explicaría que se escoitasen tanto tempo

No caso rexistrado o pasado luns, os policías acudiron á vivenda da denunciante e a muller insistiu en que a duración das relacións sexuais dos seus veciños "non era normal", aínda que non concretou canto tempo exactamente os estivo escoitando. A muller comentou incluso que os ruídos poderían proceder dunha película pornográfica, o que explicaría, segundo ela, que se escoitasen durante tanto tempo.

Os axentes da Policía Local entraron no domicilio da denunciante, pero nese momento non se escoitaba ningún tipo de ruído procedente do piso superior, polo que xa non tiveron que intervir nin identificar a parella que supostamente mantiña relacións sexuais excesivamente ruidosas e longas, en opinión da súa veciña do piso inferior.