O CGPJ apraza ata despois do verán a revisión da sanción a Pilar de Lara 

O avogado da maxistrada estima que o recurso se resolverá como pronto en setembro dado que se trata dun expediente "bastante voluminoso"
Pilar de Lara. ELISEO TRIGO
photo_camera Pilar de Lara. ELISEO TRIGO

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) aprazou ata despois do verán a revisión da sanción imposta na a xuíza Pilar de Lara de sete meses e un día de emprego e soldo, o que carrexa cambio de destino e a súa separación das causas que instrúe motivada pola "desatención" e os "atrasos inxustificados" nos casos.

Diso informou o avogado da maxistrada, Agustín Azparren, que precisou que o recurso presentado contra a sanción non será abordado no último pleno do Consello, que se celebrará a finais do presente mes de xullo.

A seguinte convocatoria será tras o período estival, no mes de setembro, aínda que "tampouco é seguro" que se vaia a producir na primeira reunión despois do verán, apunta Azparren.

"Como é un expediente bastante voluminoso e que ten moito para estudar no recurso, como moi pronto sería setembro, pero tampouco é seguro", insistiu o letrado de Pilar de Lara.

Así mesmo, Azparren afirma que non descarta presentar máis documentación. "No caso de que transcorrese algún tempo máis, o único que se podería presentar é unha certificación do estado en que se achan todos os procedementos e como se van acabando moitas das causas polas que se abriu o expediente disciplinario polo suposto atraso", indicou.

"Moitas delas xa están acabados ou se terminou a tramitación que dependía da xuíza e polo tanto poderase presentar algunha certificación máis de como están eses procedementos", engade Azparren sobre esas 'macrocausas' que instrúe Pilar de Lara, como a 'Carioca' sobre redes de prostitución ou a 'Pokémon' acerca de mordidas a políticos a cambio de concesións públicas.

Finalmente, o avogado sostén que a xuíza "está a intentar acabar todos os procedementos que están en trámite, aínda que moitos non dependen dela senón de informes, de actuacións, de inhibicións, pero no que son actuacións que leva ela está a procurar resolver todo o que queda pendente". 

Comentarios