O certame D3Mobile premia o talento de escolares lucenses

Galardoados alumnos da Muralla Romana de Lugo e de dous institutos de Sarria e Guitiriz
Un menor con un móvil. J.VÁZQUEZ
photo_camera Un mozo cun móbil. J.VÁZQUEZ

Alumnos do instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria e do Poeta Díaz Castro de Guitiriz proclamáronse campións e subcampións, respectivamente, do certame internacional de metrología de precisión con teléfono móbil ou tablet, D3Mobile, que promove o grupo de investigación de Enxeñería Civil e Geomática (Cigeo) da USC. Un equipo do IES Muralla Romana de Lugo tamén conseguiu o triunfo neste concurso na modalidade de artistas 3D.

O equipo do instituto Afonso Gómez, integrado por Pablo López Capón e José Manuel López Novo e coordinado pola profesora Ana Belén Lambas, gañou ao elaborar un modelo 3D dunha figura de cerámica. Os guitiricenses Juan López Fernández, David Sanmiguel Vázquez e Cristina Calvo Roca, coordinados por Miguel Anxo Barreiro Díaz, realizaron un modelo anatómico dun cranio humano.

O da Muralla Romana, que presentou unha figura do monumento bimilenario da capital lucense escaneado en 3D, está formado polos alumnos Adrián Rego López e Alejandro Muñoz, coordinados pola docente Marta Goy López.

Outro equipo do instituto sarrián, formado por Carla López Celeiro e Estefanía López Valladares, cunha figura dun volcán, obtivo o premio outorgado pola Deputación de Lugo e outro do Poeta Díaz Castro, composto por Juan Buján Aparici e Iria Rodríguez Carreira, cun chapeu de palla, o da agrupación estratéxica de investigación BioReDes.

A vicerreitora de coordinación do campus lucense, Montserrat Valcárcel, presidiu este xoves a gala da oitava edición do D3Mobile, que se desenvolveu telemáticamente. Neste certame, a cuxa fase final concorreron 29 traballos, colaboran distintas entidades, como a Universidade de Florencia, a Fundación Mulleres, a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade), BioReDes, o Insituto Xeográfico Nacional, a Xunta, a Deputación e o Concello de Lugo.

Comentarios