Os centros sociais abren baixo mínimos e con máis de 50 traballadores no aire

Os ata agora ordenanzas e monitores souberon o pasado venres que quedaban sen traballo a través de correo electrónico ou whatsapp. O Concello confía en renovar as actividades o 28 e PP e EU critican a xestión do contrato

Os centros sociais municipais funcionan este martes e farano o resto da semana a medio gas, coas instalacións abertas e dispostas a recibir usuarios pero sen acoller ningunha actividade programada. A finalización do contrato por parte de Serviplustotal, que se fixo cargo dese servizo ata o pasado domingo, deixou a 4.200 usuarios sen clases e talleres por agora e a uns 50 traballadores no aire, pendentes dunha subrrogación que non teñen tan claro que se produza e con débedas atrasadas que dubidan se cobrarán.

A concelleira de benestar social, Ana González Abelleira, insistiu este luns na súa convicción de que o luns 28 poderían renovarse con normalidade as actividades, ao facer efectivo un contrato ponte (provisional ata que salga o definitivo) que quere prolongar ata maio, cando se pecha a tempada de cursos. Explicou que conta con dous lotes, dos que un xa está adxudicado, aínda que podería modificarse o contrato. Por agora, o de dinamizadores (que fan tarefas de ordenanzas) asúmeo Dinamiza Social, unha firma de carácter social que é a que abre e pecha os centros nos que esa tarefa non a asumen ordenanzas funcionarios municipais. Son tamén quen os substitúen cando faltan e algún asume tarefas como a de supervisar os bailes para maiores dos fins de semana.

Esquerda Unida sinala 'a neglixencia' na xestión do goberno municipal, ao que acusa de ignorar os seus avisos previos

A outra parte, a de monitores, pretende adxudicarse cun procedemento negociado a unha das dúas firmas que presentaron ofertas. Non se fixo ata agora porque, ata a semana pasada, Serviplustotal dicía que era unha a traballadora con dereito a ser subrrogada e este luns remitiu unha listaxe de diferentes traballadores que poderían selo. "é unha lista aleatoria, na que non se xustifica por que eses traballadores están nela", di a edil. Explicou que como as empresas necesitan ter esa información para coñecer canto persoal propio poden achegar, o contrato non puido adxudicarse.

A xestión dese contrato foi obxecto de críticas este luns por parte do PP e EU. Para a concelleira popular Mari Teijeiro delata "a falta de control" que, aínda, o Concello non teña sobre a mesa a información que precisa para licitalo. Cre que un contrato menor como o que se propón agora e cuxo importe está limitado por lei a 15.000 euros "como moito solucionaría a situación durante un mes e medio" e dubida que as clases se poidan retomar o 28.

Esquerda Unida sinala "a neglixencia" na xestión do goberno municipal, ao que acusa de ignorar os seus avisos previos e permitir á empresa continuar co contrato cando debese haberllo rescindido a finais do curso anterior.

O Concello xa adxudicou o contrato ponte do lote de dinamizadores, que son os encargados de abrir e pechar os centros

Débeda. Esta crise serviu para deixar en evidencia o xeito na que operaba esta adxudicataria cos seus traballadores, que non lles comunicou que deixaba o servizo (que prestaba cun contrato prorogado desde o pasado outubro) ata o pasado venres. As ordenanzas decatáronse en realidade por whatsapp pola mañá, cando se lles dixo que debían entregar as chaves no Concello. Unha das afectadas dixo que soubo o nome da súa substituta de Dinamiza Social cando un operario acudiu a cambiar a alarma.

Os monitores soubérono ás seis e media da tarde a través dun correo electrónico. Nin uns nin outros teñen moi claro quen teñen dereito a ser subrrogados e acudiron a unha reunión no Concello da que volveron saír sen esa información. González Abelleira recordoulles que eses son, en realidade, acordos entre dúas empresas.

Ningún dos consultados quere que se faga público o seu nome ou cargo exacto por temor a que iso inflúa na súa futura subrrogación e todos aseguran que a empresa lles debe diñeiro, ademais de que tendía a pagar "mal e tarde". "Só atendía a ameazas, se lles dicías que ías ir a inspección de traballo entón se cadra si che pagaban o que che debían", di unha traballadora.

Soldos
Horas pagadas a 2,6 euros


A negativa a cumprir o convenio e subir o salario ao persoal, denunciada por Ace- EU, valeulle a Serviplustotal unha sanción de 9.000 euros.

Esqueda Unida criticou este luns que adoitaba pagar sistematicamente por baixo do convenio, abonando a hora a 4 euros ás ordenanzas e a 6 euros aos monitores. O certo é que a situación é máis precaria. Algúns monitores mostran correspondencia coa empresa na que se explica que se paga a hora a só 2,6 euros.

Comentarios