Colle de novo os libros aos 52 anos, despois de pasar máis de un nas listas do paro

Centos de lucenses volven preparar oposicións ao aumentar as prazas

Os aspirantes ven de novo na función pública unha saída laboral, tras seis anos de seca. As academias están a rexistrar "un repunte", aínda que afastado ao dos anos previos á crise

Ser empregado público volve ser unha alternativa que se expoñen centos de lucenses coa meta de incorporarse ao mercado laboral, opción que durante a crise aparcaran pola escaseza de prazas convocadas. As academias de Lugo especializadas en oposicións están a comezar a apreciar "un repunte" de matriculados ou polo menos de consultas de aspirantes interesados en preparalas. Iso si dista bastante daquel boom previo á crise económica.

Este ano as administracións van tirar a casa pola fiestra, se se compara cos últimos seis anos de contención nos que se restrinxiron a cubrir, no mellor dos casos, o 10% de reposición. Esa subida da oferta pública está a ter un efecto chamada sobre os potenciais opositores.

"A xente si empeza a exporse de novo o sector público como saída laboral", afirma a directora de Academia Postal en Lugo, Geli Durán, que recoñece que están a ter "un pouco máis de demanda".

Esta docente advirte ademais de que "desapareceu o excepticismo" que imperara nos últimos anos por esa carencia de prazas e tamén por "a rumorología sobre a posible privatización de servizos públicos".

Coincide con ela Esther López, que é a directora doutro centro da capital lucense especializado en oposicións, Cear, que ve "un pequeno repunte" tras "seis anos de seca de prazas debido á crise". Resume cun breve "por fin, xa era hora" as vindeiras convocatorias.

OFERTA. A Xunta de Galicia promoverá durante este exercicio máis de 2.000 prazas. é a súa maior oferta de emprego público desde 2009. Supón duplicar a do ano pasado. Educación, co horizonte de principios do próximo verán para a celebración das probas, leva a palma con 1.100 para mestres e profesores de secundaria e formación profesional. Séguelle o Servizo Galego de Saúde (Sergas) con máis de 800 e queda por concretar as que se van a destinar para administración xeral.

Os aspirantes a labrarse un futuro na función pública non están pendentes estes días só do temario. Tamén teñen un ollo posto nas negociacións que se manteñen en Madrid para que cristalice un Goberno ou pola contra acúdase a unhas novas eleccións. De que haxa fumata branca depende a convocatoria de miles de postos de empregos públicos na administración xeral do Estado. Só na Policía Nacional e na Garda Civil prevese da orde de 3.500 prazas en total.

Comentarios