O caudal do Miño en Lugo chegou a multiplicarse por seis polas choivas

Chegou ao seu pico máximo o sábado con 574 metros cúbicos por segundo. Este martes estaba en 497

O caudal do río Miño ao seu paso por Lugo chegou a multiplicarse por máis de seis en apenas uns días como consecuencia das copiosas choivas que caeron sobre a provincia nas últimas semanas.

Segundo indican fontes municipais, en calquera caso, o incremento de nivel en ningún momento supuxo perigo para vivendas ou instalacións próximas á beira.

Esas mesmas fontes indicaron que o pasado 7 de decembro o caudal do río era de 89 metros cúbicos por segundo, pero só uns días despois, o 13 de decembro, por mor das copiosas choivas, o volume de auga disparouse ata multiplicarse por 6,4, co paso 574 metros cúbicos por segundo.

Ese día, o nivel do río estivo a crecer a un ritmo de cinco centímetros por hora, ata aumentar 1,17 metros de altura.

O caudal do Miño alcanzou o seu pico máximo o sábado día 14, sobre as 02.00 horas, cando chegou a 574 metros cúbicos por segundo. Posteriormente, ao ir a menos as precipitacións, estivo a baixar ata o día 15 de decembro, cando comezou de novo a subir.

Este luns, día 16 de decembro, o caudal chegou a 517 metros cúbicos por segundo, mentres que este martes á primeira hora da mañá estaba un pouco máis baixo, ao redor de 497 metros cúbicos por segundo.

Comentarios