A catedral de Lugo prepara un plan de autoprotección xeral

A basílica sufriu, polo menos, dous incendios ao longo da súa historia, nos séculos XVI e XVIII, nos que arderon parte do arquivo, a sancristía e a custodia

La catedral de Lugo. AEP
photo_camera A catedral de Lugo. AEP

A catedral de Lugo está a preparar un plan de autoprotección cunha empresa, que toca varias cuestións co fin de garantir a seguridade da basílica, segundo afirmou o delegado diocesano de Patrimonio Artístico. A maiores, o templo conta cun protocolo de prevención de incendios, que recolle iniciativas como o corte xeral eléctrico ou vixiar que queden todas as candeas apagadas cando a catedral pecha de noite.

"Aquí hai moita madeira a pesar de que as cubertas están suxeitas por unha placa de formigón e non de madeira como en Notre Dame. Pero, aínda así, hai moito material combustible na catedral", manifesta Carnero.

O delegado de Patrimonio Artístico cre necesaria a renovación da instalación eléctrica. Con todo, afirma que é un traballo "custoso".

INCENDIOS. Aínda que se tomen medidas, a catedral —como calquera edificio— non está libre de ser pasto das chamas. De feito, xa o foi polo menos en dúas ocasións. A primeira, no século XVI, cando ardeu parte do arquivo. A segunda, segundo recorda César Carnero, no XVIII, por mor da renovación da capela maior.

"Aquel lume afectou á sancristía. Caeu unha das candeas que había acendida e prendeu lume. Foi tremendo, calcinou a sancristía e a custodia", conta o delegado de Patrimonio Artístico.

Este tipo de incendios en edificios antigos era, entón, relativamente frecuente porque, segundo apunta César Carnero — tamén cóengo de fábrica da catedral—, "a iluminación era con candeas e lámpadas de aceite, o que sempre supoñía un risco, especialmente habendo tanta madeira como había e aínda hai neste tipo de monumentos históricos tan antigos".

CULTURA. O Ministerio de Cultura convocou un Consello de Patrimonio Histórico en Madrid para o día 26 co fin de abordar a situación dos plans de salvagarda de bens culturais ante urxencias. Estes plans enmárcanse dentro do Plan Nacional de Urxencias e Xestión de Riscos no Patrimonio Cultural, aprobado en 2014 e coordinado polo Instituto de Patrimonio Cultural.

Na última reunión, celebrada en Ourense, íase actualizar a información sobre os plans de salvagarda pero o asunto non se tratou por falta de tempo.

Comentarios