lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Castelo de Abaixo urxe solucións tras 20 avarías na rede de augas

A pista esnaquizada en Castelo de Abaixo pola continua apertura de gabias. PEPE TEJERO
A pista esnaquizada en Castelo de Abaixo pola continua apertura de gabias. PEPE TEJERO

Os problemas multiplicáronse nos últimos dous meses e afectan á seguridade viaria, din

"Van unhas vinte avarías nos dous últimos  meses e arrastramos este problema desde hai tres anos", explica un veciño deCastelo de Abaixo para denunciar a situación "límite" que viven os veciños dese núcleo polas continuas roturas na rede de abastecemento de auga.

Os cortes polos continuos fallos na rede volvéronse un problema cotián e os veciños non saben xa nunca cando se van quedar sen servizo. "Eu hoxe teño que irme comer a Lugo porque é imposible facer a comida en casa", explicaba o xoves un veciño de Castelo, indignado porque a situación repítese semana tras semana na zona.

O fallo concéntrase nuns centos de metros de tubaxe e repítese desde hai anos, sen que se poña solución definitiva, polo que os veciños pregúntanse se en Lugo hai Concello. O lóxico, co que levamos tanto tempo sufrindo, sería que substituísen dunha vez a rede e acaben con esta situación, esixen.

As avarías na rede, ademais, van acabar danando as conexións das vivendas, din. Así, explican que cada vez que arranxan unha rotura na rede, "cando volve a auga, empeza a saír terra das billas", quéixanse.

As avarías afectan á vida cotiá, pero empeza a ser incluso un problema de seguridade, xa que hai que romper continuamente a pista para arranxar a tubaxe, de modo que a vía está chea de fochas e é un perigo, indican. En parte é, de feito, unha vía de terra e area.

A situación, indican, complícase aínda máis porque non se rozou e a maleza invade a estrada, co que é case imposible saber se o condutor mete o coche nunha gabia. Para intentar paliar a situación, hai veciños que se puxeron a rozar pola súa conta e outros están sulfatando a maleza, nun intento de mellorar a seguridade viaria, din.

Castelo de Abaixo urxe solucións tras 20 avarías na rede de augas
Comentarios