Os casos de violencia de xénero aumentan un 35% en cinco anos en Lugo

Este mes arrincou con 604 casos activos, un 7,47% máis que hai un ano. En dous supostos, as vítimas son menores de idade
Protesta contra la violencia de género. EUROPA PRESS
photo_camera Protesta contra la violencia de género. EUROPA PRESS

Os casos de violencia de xénero continúan á alza en Lugo, onde non deixaron de crecer no último lustro, tal e como pon de manifesto as estatísticas de Interior. Segundo os datos oficiais, este mes de maio arrincou na provincia cun total de 604 casos activos, un 7,47% máis que no mesmo mes do ano anterior, cando se contabilizaban 562 casos.

Estas cifras pon de manifesto que, lonxe de solucionarse, a secuela da violencia machista vai en aumento, xa que na mesma data de 2020 había rexistrados 485 casos activos, en 2019 había 461 e en 2018 contabilizábanse un total de 447. Así, nos últimos cinco anos, as denuncias por esta causa incrementáronse un 35% na provincia de Lugo.

A violencia de xénero non afecta unicamente ás mulleres, senón tamén a numerosos menores que ven obrigados a vivir nun clima conflitivo. De feito, dos 604 casos activos cos que arrincou o ano en Lugo, nun total de 60 casos hai menores "en situación de vulnerabilidade" e noutros tres supostos hai nenos "en situación de risco".

Ademais, en dous casos, as propias vítimas aínda non cumpriran a maioría de idade. Con estas cifras, que ademais non inclúen a realidade de todas as vítimas que non se atreven ou non se deciden a denunciar ao seu agresor, as distintas administracións con competencias na materia continúan incrementando os recursos dedicados a protexer e axudar ás mulleres maltratadas.

En Lugo, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou a semana pasada a creación dun servizo de atención integral 24 horas para vítimas de violencia de xénero.

Radiografía dos malos tratos

O informe anual do Observatorio Estatal da Violencia sobre a Muller, presentado a semana pasada ao Consello de Ministro, reflicte unhas conclusións preocupantes:

► A maioría de agresións prodúcense os fins de semana e denúncianse os luns.

► As vacacións, cando as parellas comparten máis tempo, son un período crítico.

► Desde 2015 hai máis mortes, e tamén máis denuncias, un dato pouco esperanzador.

► Estes delitos non só se comenten en intimidade do fogar, tamén en lugares de lecer.

► Hai que facer unha valoración independente da execución do Pacto de Estado.