Carrefour acepta pagar máis polo leite tras días de bloqueo

Os gandeiros de Lugo que impedían o acceso aos peiraos de carga replicarán a protesta en Gadis
Protesta en Carrefour
photo_camera Protesta en Carrefour

As decenas de gandeiros que impedían o acceso aos peiraos de carga do Carrefour de Lugo desde o venres e os centenares que o facían no da Coruña abandonarán a mobilización se este martes se confirma a oferta realizada o luns polos responsables do centro comercial de subir o prezo do leite. Como é a segunda vez que unha área comercial acaba aceptando mellorar os prezos (ocorreu o mesmo en Lidl), a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo entende que a fórmula de protesta é eficaz e continuará aplicándoa en Gadis.

En concreto, Carrefour aceptou esixir a Lactalis e Celta, as súas dúas provedoras en Galicia, a que pague dous céntimos máis por litro de leite aos gandeiros. Ademais, comprometeuse a que esa subida non repercutirá no consumidor: o centro comercial pagaraa máis cara, os intermediarios teñen a obrigación de asegurarse de que ese incremento chegue ao produtor, pero o comprador pagará o mesmo que ata agora. Ademais, tamén aceptou sacar ao mercado unha liña de marca branca, de leite cento por cento galego, que se pagará segundo o establecido pola cadea de valor da Interprofesional Láctea e que chegará aos supermercados de toda España.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García –un dos representantes dos gandeiros no encontro cos directivos da cadea de supermercados– considerou positivo o paso dado e animou "tanto aos produtores que quedaron na casa, como aos que optaron por outros modelos de protesta a unirse a esta que está a dar resultados".

O bloqueo á zona de carga da área comercial supuxo o desabastecemento dalgúns produtos, fundamentalmente os frescos, e serias dificultades para que os compradores accedesen ás instalacións polos atascos.

García asegurou que, na reunión, os directivos recoñeceran grandes perdas nunhas datas nas habitualmente fanse moitas vendas. O obxectivo inmediato dos gandeiros serán as cadeas Gadis e Día, polo seu elevado volume comercializador.

OS TRACTORES SE MANTENDRÁN NA ROLDA. Os gandeiros do coletivo Agromuralla teñen intención de manter os tractores na Rolda de forma "indefinida". "Estaremos todo o tempo que faga falta, ata que obteñamos o que non logramos na primeira mobilización: a suba do prezo do leite", dixo Alberto, un dos seus portavoces.

Unha representación de produtores do colectivo pasaron a tarde do luns ante o acceso ao aparcadoiro de Abella, informando o público das súas reivindicacións e pedíndolles que renunciasen a comprar no supermercado. "Moitos deron a volta e marcharon sen mercar", dixeron.

Agromuralla ten intención de seguir coa mobilización na Rolda "todo o tempo que faga falta", pero non contempla sumarse aos bloqueos que a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo fai ante as áreas comerciais. "Eles teñen a súa estratexia e nós a nosa. Todos buscamos ou mesmo obxectivo. Os fins son exactamente vos mesmos, pero polo momento non pensamos en unirnos. Quizáis máis adiante si o fagamos", dixo o portavoz, á vez que insistiu en que o interese común é lograr "o compromiso de suba do prezo do leite, un compromiso por escrito".

VANDALISMO. Un dos integrantes do colectivo sufriu na noite do pasado domingo un ataque vandálico no seu tractor do que arrincaron completamente a porta ao lado do condutor e outros danos. O gandeiro afectado presentou unha denuncia ante a Policía.

Comentarios