CONSULADO LUCENSE

O 'caro' diario da pequena Roma

"Cansado das présas e do tráfico" da súa cidade natal, Alfredo Bongianni escolleu Lugo para vivir anos despois de namorarse dunha lucense

Alfredo Bongianni. SEBAS SENANDE
photo_camera Alfredo Bongianni. SEBAS SENANDE
Procedencia: Roma
Profesión: Fotógrafo
Tempo en Lugo: 29 anos

A cidade de Roma é unha película que alcanzou o seu esplendor con Trajano. Alfredo Bongianni naceu alí en 1957, catro anos despois de que Audrey Hepburn e Gregory Peck a percorresen nunha vespa para filmar Vacacións en Roma. "Nacín nun hospital cerca do Trastévere, o meu pai tiña unha barbería entre as basílicas, paseabamos polo Coliseo, cando era adolescente ía ao Foro para coller granadas e nísperos, sentabámonos a falar na Fontana dei Trevi... Despois estiven a traballar preto da Pirámide", recorda sobre unha vida que transcorreu no medio da Historia.

Visita con frecuencia a súa cidade. A súa nai vive nos arredores, xunto ao aeroporto de Ciampino. "Estiven en novembro, pero non fun ao centro. Antes ía visitar a Piazza Navona e o Panteón. Decepcióname pola xentrificación, pola masa de xente que compra, come pizzas e hamburguesas, e berra. Non se pode gozar da cidade, da luz de Roma. A última vez que fun á Fontana dei Trevi había un muro humano que non che permitía pasar".

A capital italiana de agora recorda máis A dolce vita. Nese filme, Marcello Mastroianni atravesa a cidade noutra vespa durante unha noite na que suceden acontecementos grotescos que Federico Fellini deforma coa súa lente barroca.

Bongianni volve falar dun barrio central polo que andaban os romanos; no que soaba o ritmo pausado de artesáns e anticuarios, e ao que chegaban algúns turistas estranxeiros que durmían en hoteis e comían en restaurantes.

Pensara que a súa vida en Roma sería eterna como a propia cidade. "Traballaba como aparellador nunha empresa municipal de auga e enerxía eléctrica. Era funcionario". Coñeceu unha lucense. Ela deu a volta ao seu asentado imperio vital. "Empezamos a vir a Lugo en 1992. A miña idea era que vivísemos en Roma, pero ela tiña morriña e eu estaba cansado das présas e do tráfico de Roma. Quería dedicarme á fotografía. Pedín unha excedencia dun ano e viñémonos. Pedín outra excedencia dun ano e entón montei o estudo fotográfico en Lugo. Eu viña de Roma e pareceume pequeno, pero iso cambiou e gústame Lugo para vivir".

Alfredo Bongianni procedía da metrópole romana, polo que o templo de Mitra lucense ou uns baños de hai dous milenios nin sequera chamaban a súa atención. "A muralla si que me impresionou. En Roma conservamos partes de murallas desa época, pero non unha enteira sobre a que poidas pasear. é única no mundo".

A fotografía foille garantindo a vida, así que se despediu da súa cidade e do seu emprego seguro. Empezara a fotografar no instituto, cunha Kodak Instamatic. Un día esqueceuse da máquina. Prefería pintar.

"Cando tiña 23 ou 24 anos, no verán, unha amiga prestoume unha cámara Zenit. Eu non tiña nin idea, así que empecei xogando. Púxenme en serio. Compreime libros de fotógrafos para aprender. Gustábame retratar ás miñas amigas e a paisaxe. É o que sigo facendo", apunta coma se fose unha obviedade.

As súas imaxes adoitan ser de mulleres, en ocasións sen roupa. "Cando cheguei a Lugo un amigo advertiume de que tería problemas cos espidos porque esta cidade era conservadora, pero nunca fixen tantos espidos como en Lugo". Rexeita que os lucenses sexan conservadores. Observa que, a diferenza da naturalidade dos romanos, "son máis cautos". Engade que "necesitan observarte, pero son abertos e acolléronme moi ben". Retoma a comparación cos familiares e amigos da súa cidade natal: "Cando os visito véxoos angustiados, cústame facerlles retratos. Fai moito que non lles fago fotos. Os meus modelos son lucenses". É unha distancia que non atopa cando enfoca a un lucense.

O artista italiano xubilouse hai uns meses. "Moita xente pregúntame se vou volver a Roma agora que estou xubilado. Volverei proximamente durante un mes para estar uns días e percorrer o país, pero non se me pasa pola cabeza vivir alí. Non soporto o tráfico, a contaminación, a burocracia... estou encantado vivindo en Lugo. Todo está a man, é máis sinxelo, máis humano. Non penso moverme de aquí. Soamente para ir ao Mediterráneo no inverno para escapar da choiva".

Daría unha oportunidade a Roma se puidese percorrela en vespa sen apuros e sen estorbos automobilísticos, gozando da luz ocre, escorregando lentamente sobre os edificios, como fai o director e actor Nani Moretti en Caro diario. "É unha película bonita, vina varias veces".