Carmen González será a candidata de Manuel Martínez á alcaldía de Lugo

É profesora de filosofía do Lucus Augusti

Manuel Martínez. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera Manuel Martínez, na presentación do partido 'Galicia sempre'. SEBAS SENANDE

O alcalde de Becerreá, deputado provincial non adscrito e presidente de Suplusa, Manuel Martínez, presentou este xoves á cabeza de lista do seu partido, Galicia Sempre, á Alcaldía de Lugo, a profesora de filosofía Carmen González -exerce no Lucus Agusti-, unha lucense de 58 anos que fai a súa primeira incursión no mundo da política.

En declaracións aos medios de comunicación, Martínez aclarou que se buscaron para esa candidatura, que será presentada ao completo a próxima semana, "persoas independentes, que non dependesen de ninguén, que tivesen unha profesión".

Ese é o perfil, aclarou, da "lista completa de Galicia Sempre", porque está formada por persoas que “non son ninis, teñen unha profesión, ten un soldo e iso dálles independencia”.

Carmen González: "Manolo solicitoumo; imos tirar para adiante"

Segundo Martínez, a persoa que estaba detrás deste proxecto, "deu longas e desapareceu", pero os que quedaron á fronte desta nova opción política tiraron "de orgullo", seguiron adiante "con esta aventura" e agora espera que "esta proposta sexa ben recibida polos cidadáns".

De feito, recordou que "outras persoas que estaban na lista, por presións ou por coaccións, decidiron abandonala", o que lle dá máis mérito a Carmen González, "que aguantou".

Outras candidaturas
Segundo Martínez, Galicia Sempre presentará listas en Lugo, Becerreá, Sarria e Meira; e non descarta contar con candidatura en municipios como Guitiriz e Burela. Matizou, iso si, que "persoas que ían ir con Galicia Sempre foron fichadas por outras candidaturas".

Pola súa banda, Carmen González precisou que ata agora nunca participara en política", pero sempre foi "moi crítica coa administración dos recursos de todos" e coa "crispación" que ese está "a vivir" no panorama político, tanto no ámbito local como nacional. "Manolo solicitoumo. Eu estou moi a gusto con el e imos tirar para adiante", concluíu.

Comentarios