Cáritas ofrece axudas para a creación de empresas

A organización tamén facilita asesoramento, formación e información para os emprendedores que acudan a ela
Jorge Yáñez.
photo_camera Jorge Yáñez.

A organización relixiosa Cáritas ofrece dentro do seu programa de emprego cursos de formación, información, asesoramento, conferencias e unha pequena axuda económica para as persoas que acudan a eles con problemas de desemprego.

O programa de Emprego de Cáritas naceu no 2001,''motivado pola cantidade de xente que acudía á entidade por problemas de paro'', afirmou o responsable desta iniciativa, Jorge Yáñez. Nun principio o seu labor consistía en ofrecer cursos de formación -como de informática, hostalería, labores domésticos-, asesoramento e o contacto con empresas para a procura de emprego, pero hai dous anos decidiuse dar un paso máis e ''encher o oco que nos faltaba'', afirmou Yáñez, co programa Empregáte.

Este proxecto baséase en que as persoas que estean a pasar unha mala situación económica e buscando emprego poden tratar de crear a súa propia empresa, só lles fai falta unha idea.

A partir de aquí, quen se vexan capaces de desenvolver esta idea contarán con cursos de asesoramento, formación, información, un plan de empresa e microcréditos ''sen intereses, que nos poden ir devolvendo aos poucos, dependendo da situación na que se atope a xente'', explica Yáñez.

''Na actualidade, algúns dos participantes da primeira edición de Emprégate son verdadeiros empresarios''

Grazas á primeira edición desta iniciativa moitas destas ideas convertéronse en realidade. ''Na actualidade moitos dos que se presentaron ao programa hai dous anos son verdadeiros empresarios'', considerou o promotor do programa.

Algunhas das empresas que se xeraron son un taller de costura que xa leva 11 meses aberto, unha empresa dedicada a reparar electrodomésticos, mobles, explicou o membro da asociación, satisfeito do balance desta iniciativa. ''A nova fornada está a piques de saír, nós só somos unha rede de seguridade para os que queren innovar, pero os que teñen que realizar o verdadeiro esforzo son os emprendedores'', opinou Yáñez.

XORNADA DE AUTOEMPREGO. Dentro deste programa tamén se realizan xornadas dedicadas á motivación, a última realizouse onte na sede da Avenida das Américas. Esta xornada, chamada ‘Por Que Non...’, baseouse en dúas mesas redondas que mostran que é posible emprender.

A primeira delas, ‘O emprendemento na actualidade’, explicou como está o emprendemento en Lugo e os apoios que se poden recibir das diferentes administracións. Ademais, os relatores foron a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Beatriz Varela; a xerente da Asociación de Novos Empresario de Lugo, Inés Maseda e o subdirector do Cei-Nodus, Norman Veiga.

A segunda mesa consistiu en testemuños de empresarios reais, que comezaron cunha idea e decidiron abrir a súa propia empresa. Os relatores foron a dona da Cociña de Pilar, Pilar Fernández; a dona da Mercería de Chus, María José González, e unha participante do programa ‘Emprégate II’ María del Carmen Encarnación Eslamiada. Para finalizar, proxectouse un vídeo sobre un dos casos da pasada edición.


Sobre o feito de que a maioría dos relatores do mércores fosen mulleres, Yáñez cre que talvez se debe a que ''son máis valente á hora de emprender''.