"Canto máis diñeiro é o que gañas, máis xogas e máis diñeiro gastas"

Santiago Caamaño, rehabilitado á súa adicción ao xogo, será un dos participantes na mesa redonda sobre os novos hábitos nocivos entre os mozos, este xoves no Vello Cárcere

Está a estudar Psicoloxía, entre outras cousas para poder axudar a outros mozos novos que, como nunha epidemia, están a caer en masa en mans do xogo. O póker online, a ruleta e, sobre todo, as apostas deportivas están a levarse por diante a unha gran parte da poboación adolescente que se engancha a este novo tipo de adicción baseada no xogo.

Santiago Caamaño Martínez sabe ben de que vai isto. Empezou aos 14, xogando ao póker con fichas e cos seus amigos. Pero iso foi só ao principio. A medida que pasaban os anos, ía percorrendo outras formas de endebedarse no xogo e de, a pesar diso, xogar e volver xogar. Sen control nin medida. Botando agora contas calcula que en once anos gañaría uns 30.000 euros e perdiu 80.000.

"Agora teño 25 anos e hai ano e medio que non xogo. Considérome rehabilitado pero chegar ata aquí foi moi duro porque vas deixando moitas cousas no camiño. A túa vida acaba sendo unha mentira. Cando non traballas, pides diñeiro constantemente. Cando traballas, gastas todo no xogo. Unha vez recordo que gañei un premio de 13.000 euros e en cuestión de dúas horas xa non tiña nada: volvino meter noutra aposta. O único que queres é xogar. Canto máis gañas, máis xogas e máis gastas. Se me tocaran 100.000 euros, sería o mesmo", afirma Santiago, que se dedica agora a difundir os perigos desta nova adicción a través de charlas en institutos, debates como o que haberá este xoves no Vello Cárcere ou incluso desde Youtube, onde difunde un vídeo protagonizado por el mesmo no que conta a súa historia.

A vida de Santiago estivo unida ao xogo desde os 14 ata os 22 anos. Celebrou os 18 cunha única expectativa: poder xogar na ruleta electrónica nunha sala, algo prohibido para menores. Ao final, nin lle pediron o carné.

Hai tres anos que se dirixiu á asociación Agalure para rehabilitarse. Nese tempo, tivo catro caídas. Agora, leva ano e medio sen xogar e considérase rehabilitado.

"Comecei a rehabilitarme desde que llo contei á familia, cando xa acumulaba moitas débedas. Aínda que ía ás sesións, teño que dicir que, ao principio, estaba máis preocupado pola débeda que pola rehabilitación. Non pensaba que tiña unha enfermidade ata que caín na conta. Foi difícil. Rendíame e chegou un momento en que non era capaz de saír ata que o psicólogo de Agalure mirou por min e algo fixo clic na miña cabeza. Agora axúdame moito contalo", afirma.

OUTRO CASO. Diego tamén estivo enganchado ao xogo. Empezou con 15 e agora, aos 38, considérase rehabilitado pero non curado. Como Santiago, tamén contará a súa experiencia este xoves no Vello Cárcere. "Isto non se quita do corpo do todo. Aínda que esteas rehabilitado, non estás curado", insiste.

No seu caso, a súa adicción centrouse nos comecartos. Durante eses anos, sacaba o diñeiro de onde podía.

"O diñeiro saía da miña familia, de roubarlles ou collerlles pasta sen permiso. Nunha ocasión, deume diñeiro miña nai para ir ao súper e volvín á casa sen diñeiro e sen a compra. Outra vez, cheguei a falsificar cuns amigo billetes de 5.000 pesetas que soltabamos nos bares para comprar tabaco. Ao final, descubriunos a Policía e estiven no calabozo dous días. Tamén cheguei a desvalixar a miña casa, simulando un roubo, para conseguir diñeiro", relata.

Polo camiño deixou diñeiro, noivas e traballos e atopou soidade e débedas. Chegou un momento en que iniciou o camiño da rehabilitación, no que tivo varias recaídas. Tamén acudiu a Agalure. "Hai varias premisas para non volver engancharte como o control do gasto diario, non ter cartón de crédito e que a conta bancaria sexa compartida, pero non é fácil. Iso si, a vida cámbiache moito cando o deixas. Agora teño diñeiro, noiva, traballo e non penso no que debo. Pódese vivir sen xogar", afirma.

Comentarios