Cantar Delas recupera pezas inéditas de Juan Montes para voces brancas

Son composicións que escribiu para o Seminario e as Clarisas monfortinas. O coro cantaraas en xuño en A Nova

Gómez Jácome (izquierda) y algunas intérpretes de Cantar Delas. EP
photo_camera Gómez Jácome (esquerda) e algunhas intérpretes de Cantar Delas. EP

O coro Cantar Delas recuperará varias pezas inéditas e practicamente descoñecidas —aínda que xa catalogadas— do compositor lucense Juan Montes, ideadas para voces brancas e transcritas polo director da agrupación, Fernando Gómez Jácome. Os temas foron compostos por Montes na súa etapa de docente no Seminario, onde ensinou música e solfexo na súa etapa de madurez, e tamén para as monxas do convento monfortino das Clarisas, onde ingresou a súa sobriña e afillada Sor Natividade do Neno Jesús, en 1893. Trátase de pezas concibidas para teclado, fundamentalmente órgano e armonio, e voces brancas. Gómez Jácome considerou que as voces femininas —soprano e contralto— de Cantar Delas podían interpretar estas composicións pensadas para voces infantís.

Así, a formación coral feminina intepretará, dentro da Semana de Música do Corpus, o día 21 de xuño, ás 19.00 horas na igrexa de A Nova, un repertorio no que figuran pezas como Misa sencilla para niños, pensada, probablemente, para que os seminaristas puidesen cantala na catedral sen grandes dificultades. Tamén se inclúe Ego sum panis vivus, cuxa partitura leva a dedicatoria A mis alumnos de canto figurado.

Comentarios