O campus ofrecerá o próximo curso dez prazas do novo grao aberto

Os estudantes terán materias comúns de cinco enxeñerías durante o primeiro ano e no primeiro semestre do segundo para despois inscribirse na titulación de destino que elixan
La Escola Politécnica Superior de Enxeñaría del Campus Terra de  Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Escola Politécnica Superior de Lugo.

O campus lucense implantará o próximo curso o grao aberto, mediante o cal os alumnos estudarán durante un ano e medio unha serie de materias comúns ás enxeñerías que se ofrecen tanto na Escola Politécnica Superior como na facultade de Ciencias -salvo Paisaxe- para decidir despois, no segundo semetre do segundo curso, o grao de destino no que finalmente cursarán estudos.

As materias comúns cursadas suporán ata 90 créditos do grao no que se inscriban que, no caso de Lugo, terá que ser unha enxeñería.

"Terán que facer unhas materias comúns que sumarán 60 créditos dunha enxeñería e, ademais, haberá outros 30 que se lles validarán", manifesta o decano de Ciencias, Francisco Fraga, quen engade que os alumnos accederán coa nota máis alta de corte de todas as enxeñerías que se cursan en Lugo.

Tomás Cuesta: "Haberá un mínimo de quince materias que cursar: dez, en primeiro, e cinco, no primeiro trimestre do segundo"

O grao aberto, da rama de Enxeñería e Arquitectura, porase en marcha na USC de cara ao próximo setembro. De momento, é a única universidade galega que anunciou esta nova configuración académica e a terceira de España en facelo, detrás da madrileña Carlos III ou a barcelonesa Pompeu Fabra.

O modelo de grao aberto permite ampliar as posibilidades de elección do alumnado e, sobre todo, reducir as taxas de abandono e de cambio de estudos nos primeiros cursos. Espérase tamén que esta nova oferta académica faga máis competitivo o campus de Lugo de forma que favoreza a atracción de estudantes doutras comunidades e doutros países e mellore o intercambio universitario.

O grao aberto combina materias de cinco carreiras: Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria, Civil, Forestal e do Medio Natural, Procesos Químicos Industriais e tamén Robótica.

Francisco Fraga: "As materias comúns sumarán 60 créditos dunha enxeñería e, ademais, haberá outros 30 que se validarán"

"Trátase de aproveitar que estas carreiras teñen unha base común e forte para despois elixir. Haberá un mínimo de quince materias que cursar: dez, en primeiro, e cinco, no primeiro semestre do segundo ano. Despois, pasarían ao segundo curso do grao que elixan", explica o director da Politécnica, Tomás Cuesta.

A USC contempla, ademais, un servizo de tutorización personalizada e mentorización mais alá do xa existente nos graos que conforman esta nova oferta. Trátase dun titor académico que acompañará e orientará aos estudantes na elaboración do seu itinerario académico e na elección do grao onde finalicen os estudos. Ademais, o titor poderá asesorar na elección das materias dos distintos graos que máis se axusten ao alumnado.

Comentarios