Un camiño á esperanza

O proxecto de investigación en peixes cebra sobre o glioblastoma, un tumor cerebral agora sen cura, avanza con accións como a da familia do profesor Alberto Otero, que solicitou que o diñeiro destinado para flores no seu funeral fose doado a esta causa
undefined
photo_camera O profesor lucense Alberto Otero pousa xunto á súa muller Teresa, tamén docente, e os seus dous fillos. EP

Extraordinario é un adxectivo que cualifica un feito ou persoa fóra do común. Hai 4 anos, a vida de Alberto Otero tomou un brusco xiro tras ser diagnosticado cun tumor cerebral, que máis tarde mutaría nun glioblastoma, un tumor maligno para o que aínda non existe tratamento.

Alberto Otero loitou pola súa vida e, como homenaxe póstuma, a súa familia fixo todo o posible para sufragar as investigacións científicas que buscan un tratamento a esta enfermidade. O remedio non chegou a tempo para o profesor lucense, pero os seus pelexan por atopar unha cura para os futuros pacientes, apoiando un proxecto de investigación con selo lucense.

Por expreso desexo da muller de Alberto, Teresa, pediuse a amigos e achegados que doasen o diñeiro destinado á compra das flores, que demostrarían o seu afecto no día do seu funeral, ao proxecto cuxo obxectivo é testar inmunoterapias e nanofármacos para contrarrestar os efectos do tumor que sufriu Alberto.

Para iso, a asociación Somos Unidos contra o Cancro cedeu a súa conta bancaria. Con esta acción recadáronse xa 5.869 euros, dos 8.000 necesarios para sufragar un ano de investigación. Noutro acto de humanidade, a cantidade restante achegaraa esta asociación que mantén o seu apoio incondicional á familia.

Este xesto é o primeiro paso dun maratón. O da vida. O dos inconformistas. Unha carreira que non fixo máis nada que empezar. Con paso firme e un sorriso; como a de Alberto.

O glioblastoma afecta a 40 pacientes da área sanitaria de Lugo ao ano

Por iso, para contrarrestar o avance deste mal, o servizo de Neurocirurxía do Hula desenvolve en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, un proxecto de investigación para probar posibles tratamentos efectivos contra o glioblastoma en peixes cebra, nos laboratorios de Veterinaria en Lugo.

ZEBRAGLIO. Pedro Reimunde, neurocirurxán do Hula, é o promotor do grupo de investigación ZebraGlio, cuxo obxectivo é testar inmunoterapias e nanofármacos que minimicen este tipo de tumor que é o máis frecuente dos cerebrais malignos e é extremadamente agresivo e mortal.

Este equipo investigador complétase coa catedrática de Xenética da facultade de veterinaria de Lugo, Laura Sánchez Piñón, e o investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus) Fernando Torres.

A loita prevese ardua. O doutor Reimunde explica que a pesar de que o tumor se consiga eliminar por completo mediante procedementos cirúrxicos, na totalidade dos casos reaparece co paso do tempo, polo que atopar un tratamento é clave para salvar a vida dos enfermos.

O glioblastoma afecta a 40 pacientes da área sanitaria de Lugo ao ano. A estas persoas só lles resta a alternativa dos coidados paliativos para mitigar o seu sufrimento, a través da cirurxía e quimioterapia ou radioterapia.

Reimunde asegura que as cifras de éxito son moi pobres e "perdemos desde o momento cero con esta enfermidade".

A supervivencia media é de 14,6 meses e só o 26,5 por cento dos pacientes sobrevive máis aló de dous anos logo da primeira intervención cirúrxica.

É vital que este proxecto de investigación logre máis fondos

Atopar un tratamento eficaz para o glioblastoma é un dos grandes retos da Neuroncoloxía, di Reimunde, porque se trata dun tumor de gran heteroxeneidade. Ten un desenvolvemento e crecemento agresivo e invasivo e resulta complicado retiralo por completo mediante cirurxía.

O especialista puntualiza que depende moito do tamaño e da localización, pero incluso nos que teñen características óptimas hai que ser conservador.

No cerebro, ao contrario que noutras zonas, non existen marxes de seguridade e incluso, en ocasións, non se pode completar a resección porque se danarían zonas que afectarían ao paciente.

Por estas razóns, é vital que este proxecto de investigación logre máis fondos. Polo momento, o proxecto ZebraGlio non ten un sistema de financiamento formal, conta o doutor Reimunde. Recoñece que calquera acto de mecenado implicaría un salto cualitativo no avance científico, así como unha mellora da calidade de vida dos pacientes.

Seis pacientes voluntarios
Seis persoas afectadas por este mal xa se prestaron voluntarias para un estudo que recolle mostras do tumor. Así as cousas, parte do tumor remítese á sección de Anatomía Patolóxica, ao laboratorio do grupo ZebraBioRes, que coordina en Veterinaria Laura Sánchez Piñón para proceder ao transplante de células tumorais en embrións de peixe cebra e comprobar así a efectividade de distintos tratamentos oncolóxicos.

Ademais, Pedro Reimunde asegura que xa se estableceron as liñas celulares do glioblastoma humano. O seguinte paso é a implantación das células no saco vitelino e posteriormente no cerebro de embrión do peixe cebra.

Comentarios