Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño

«O Camiño debería ser unha gran arma para exportar viños galegos»

O fundador da produtora da xenebra Nordés e do restaurante Pepe Vieira impartirá o vindeiro sábado no MIHL un taller de cata de viños no congreso ‘...E para comer, Lugo, non Camiño', que organiza a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería
Xoán Cannas. ARCHIVO
photo_camera Xoán Cannas

¿Que relación teñen viño e Camiño de Santiago?

Estrechísima. Unha das grandes armas de venda de viños galegos debería ser o Camiño de Santiago. Todas as grandes zonas vitivínicolas europeas, Borgoña, Ródano, Bordeus, Rioja, Ribera del Duero..., están vinculadas a esta ruta, que desde a súa fundación hai dez séculos supuxo un crecemento e unha expansión para elas. Desde Galicia non o estamos aproveitando o suficiente. 

Con todo, a gastronomía galega é un dos factores que atrae aos peregrinos...

Si. A nivel nacional todo o mundo sabe que Galicia é un gran destino gastronómico e nos últimos anos potenciouse aínda moitísimo máis. Sería interesantísimo que ademais de mostrar cociña —a gastronomía inclúe tamén unha parte que ten que ver cos viños—, fixésemos un esforzo en ampliar ese concepto. Pero o que trato de explicar é o contrario, non é á xente que vén, é ir nós, é cando exportamos viños. Cando chegas a Nova Zelandia e dislle vingo de Galicia a vender viños, o comprador seguramente non sabe onde está Galicia. Pero cando empezas a falar do Camiño de Santiago e do entroque con outras grandes zonas vitivinícolas de Europa, gana sentido. é unha arma interesantísima para dar a coñecer os viños galegos fóra de aquí.

En que situación están os viños galegos?

Temos cinco denominacións e dentro duns anos teremos máis porque tamén contamos con catro indicacións xeográficas protexidas (IXP), o que é moi positivo. O gran problema é que aquí o vemos como un embude. Temos que abrir a mentalidade. Por pór un exemplo, Borgoña é un territorio que en hectáreas de viñedo ten, máis ou menos, igual que Galicia e ten 217 denominacións de orixe, pero só un consello regulador e nós un para cada unha das cinco. Todo xira ao redor de Borgoña. Aquí debería ocorrer un pouco o mesmo. Non ten ningún sentido que tratemos de vender Monterrei, sen vender Valdeorras, Ribeiro, Rías Baixas..., que cada un vaia polo seu lado, completamente distanciado, e pensando a estas alturas do século XXI que a competencia do Ribeiro é Rías Baixas, a de Rías Baixas é Valdeorras, etc.

Cal é o seu potencial?

Galicia ten unha gran diversidade en variedades autóctonas. Estamos trabajadado con máis de 70 variedades de uva. é unha barbaridade. E están completamente contrastadas, nada de proxectos experimentais. O que hai que ser capaces é de non confundir as variedades de uva coas denominacións de orixe. Este é o noso primeiro reto. Cando ti vas a un bar e pides un mencía, este pode ser de calquera parte, pero un Ribeira Sacra só pode ser da Ribeira Sacra. O mesmo xa sucedeu fai 30 anos co albariño e a zona Rías Baixas e perdemos a batalla. E agora parece que volve ocorrer o mesmo co Godello e Valdeorras. Parece que tropezamos constantemente coa mesma pedra. Non aprendemos.

Aínda así os caldos galegos son moi apreciados...

Vivimos un grandísimo momento de viños galegos, sobre todo a nivel nacional porque son moi coñecidos, son a referencia e hai un traballo detrás de pequenos grandes viticultores. E isto ás veces tamén hai que polo en valor. Todos somos conscientes do valor do negocio. Hai 10, 20 adegas que copan o 90% do valor económico. Pero o XXI é o século da imaxe. Este é un valor que hoxe en día xa é tanxible, a través de redes sociais, portadas de revista... e iso representa o 90% en imaxe de marca e non se está tendo en conta.

«Hai viños da Ribeira Sacra de 100 dólares a botella que non están no D.O.»

Que lle chama a atención da produción da Ribeira Sacra?

Hai un minifundio latente na Ribeira Sacra que está a facer un traballo formidable, pero en cambio eses pequenos viticultores non son valorados na súa xusta medida. Por exemplo, un restaurante en Estados Unidos do cociñeiro José Andrés ten en carta dous viños da Ribeira Sacra, que non están acollidos á denominación de orixe. Chámame poderosísimamente a atención como nos podemos permitir o luxo de que adegas con viños de 100 dólares botella e cunha chea de puntos na Guía Parker non estean no D.O. Aquí hai un problema.

Se a Unesco declara Patrimonio da Humanidade á Ribeira Sacra, ¿pode supor unha lombeirada para os seus viños?

Sen dúbida. O fenómeno enoturístico da Ribeira Sacra xa está a ser unha gran lombeirada para os seus viños. O que pasa é que, e dígoo con todo o respecto e o agarimo, é crispante cando ti chegas a unha paisaxe como a Ribeira Sacra, con esa autenticidade, que é salvaxe, e quédasche absolutamente fascinado e logo probas os seus viños e hai tanto por facer. ¿Como é posible que desta paisaxe salgan estes viños que non están á súa altura aínda? é verdade que hai unhas 20 adegas a un nivel incrible, pero na Ribeira Sacra hai unhas 100...

É unha cuestión de profesionalización?

Si. Todo pasa pola profesionalización. O que fai o viño na súa casa está moi ben, pero... Aquí hai un grandísimo traballo por desenvolver aínda, que é seguir crecendo en calidade.

Cal é entón o camiño a seguir?

Neste século XXI, que é o século da comunicación e da imaxe, coas novas canles, as redes sociais (Instagram...), que son visuais fundamentalmente, chegará un punto en que os viños serán valorados e consumidos en función da beleza da paisaxe da zona na que se producen. E nese momento Ribeira Sacra vai ter algo moi importante que dicir. En termos de paisaxe somos incomparables. Non se lle dá a voz a adegueiros que fan moi poucas botellas pero que teñen unha gran repercusión en termos de imaxe proxectada sobre o territorio.

«O mundo do viño ten moito que dicir na fixación de poboación no rural»

Que pode achegar o congreso?

Que se fagan congresos como esta axuda a traer xente de fóra que nos abra portas, que nos abra fiestras cara ao coñecemento. En termos vitivinícolas Lugo é a provincia crave porque é a que está máis vinculada á ruta xacobea, a través fundamentalmente do Camiño de Inverno, que pasa por Chantada. O Camiño é unha realidade que debemos aproveitar en termos de promoción enoturística, na que hai moitas cousas por facer aínda na provincia. Agora está súper de moda, todos os políticos están a falar da España baleira. O mundo do viño ten moito que dicir na fixación de poboación no rural, no gran reto demográfico que presenta Lugo. Ademais, o outro gran eixo do que todo o mundo fala é a sustentabilidade, o coidado do medio ambiente... E o viño volve ser o fío condutor destes dous grandes eixos. Lugo ten que dar un paso adiante e liderar a nivel nacional porque ten sobre todo unha paisaxe incrible e auténtica.
 

Comentarios