Camiño da cidade de Porsche

O lucense Manuel Alonso vai estudar o grao de Enxeñería de Transportes a Stuttgart
undefined
photo_camera Manuel Alonso, na biblioteca do Ollos Grandes. SEBAS SENANDE

Mentres centos de lucenses están nerviosos á espera de saber se poderán matricularse na carreira que desexan, un deses mozos, Manuel Alonso, non ten esa preocupación. O próximo curso estudará Enxeñería de Transportes na Universidade de Stuttgart, cidade alemá na que se atopan as sedes de Mercedes Benz e Porsche.

Os requisitos que ten que cumprir este mozo, de 18 anos, son aprobar a Abau, o que se antolla fácil pois ten unha media de 9,14 en bacharelato, e demostrar o seu nivel de alemán antes de que finalice o primeiro semestre, o que tampouco parece complicado pois conta co TestDaF, equiparable ao certificado de idiomas C-1.

"Non estou preocupado. Estábao antes da Abau porque vía os meus compañeiros preocupados", afirma Manuel Alonso. Este alumno do Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo asegura que o alemán é un idioma "máis fácil do que se cre" e engade que "cando colles carrerilla é máis fácil de aprender que o inglés".

A Manuel Alonso comezoulle a atraer Alemaña cando en 4º de secundaria participou nun intercambio cun centro de Leipzig. Ao curso seguinte, 1º de BAC, foise a estudar a Stuttgart. Sufragáronlle a metade da súa estancia porque o instituto de Lugo forma parte da rede Pasch —o único en Galicia—, promovida polo Goethe Institut, cuxo obxectivo é promocionar e ensinar a lingua alemá, como fai o Instituto Cervantes co castelán.

VIU A LUZ. Manuel Alonso, que terá que cursar tres anos de grao e dous de máster, explica que se orientou cara a esa Enxeñería durante a súa estancia en Alemaña cando viu "o ben que funciona alí o transporte público", que "te leva a calquera hora a calquera lado". Destaca que está "mellor coordinado" e cunha información "máis accesible". Conta que lle chamou a atención que na empresa federal de trens pódense consultar ata os horarios da Ave en España.

Manuel Alonso asegura que nas universidades españolas non existe a carreira que vai cursar en Alemaña, a máis parella sería Enxeñería Civil, que se estuda, por exemplo, no Campus Terra de Lugo.

A súa profesora de alemán no Nosa Señora dos Ollos Grandes, María Rey, destaca que "estudar en Alemaña é máis barato que en España", porque, segundo di, páganse unhas taxas de matrícula, pero non os créditos que conforman o grao, e que hai "un abanico maior de carreiras, sobre todo de Ciencias", que é a rama cara á que se encamiña o mozo Manuel Alonso.

Comentarios