sábado. 21.05.2022 |
El tiempo
sábado. 21.05.2022
El tiempo

A Cámara de Lugo e o Santander premiarán á mellor peme lucense

O prazo de inscrición nesta iniciativa, na que colabora El Progreso, acabará o 30 de xuño. As candidatas deben ter menos de 250 empregados e unha facturación de ata 50 millóns

A Cámara de Comercio de Lugo e o Banco Santander, coa colaboración do diario El Progreso, convocan o Premio Peme do ano 2017, co que estas entidades queren distinguir á pequena e mediana empresa lucense que innova, crea emprego, se internacionaliza e aposta pola formación.

A este premio que, segundo recolle a convocatoria, pretende "recoñecer o desempeño das pequenas e medianas empresas que contribúan á xeración de riqueza e creación de emprego na provincia", poderán concorrer todas as pemes con sede social na provincia de Lugo, que teñan menos de 250 empregados e que o ano pasado facturaron menos de 50 millóns de euros.

O prazo para presentar as candidaturas finalizará o 30 de xuño. As aspirantes poderán inscribirse a través do formulario que está dispoñible na páxina web da Cámara de Comercio de Lugo. O xurado elixirá unha terna de finalistas, que se fará pública no próximo mes de setembro, de entre os que sairá o gañador, que se dará a coñecer en outubro.

Ese xurado estará integrado por cinco membros: un representante da Cámara de Comercio de Lugo, da Cámara de España, do Banco Santander, da administración local e do diario El Progreso.

Os méritos que terán en conta serán: o incremento da actividade e mellora dos resultados da empresa; a creación de emprego, prestando especial atención á súa calidade; a súa internacionalización; a introdución de innovacións e a adopción de medidas de formación para os traballadores.

A entidade cameral indica que con esta iniciativa "quérese pór en valor o papel crave das pemes na xeración de benestar xeral para o conxunto da sociedade".

O Banco Santander, pola súa banda, sinala que con este proxecto pretende "axudar ao progreso das empresas e as familias". Engade que esta iniciativa "servirá para recoñecer e dar visibilidade ao esforzo diario dos empresarios e a súa contribución ao desenvolvemento económico e á xeración de emprego".

A Cámara de Lugo e o Santander premiarán á mellor peme lucense
comentarios