Cales son os retos das mulleres neste 8-M?

EDUCACIÓN. A educación é a principal ferramenta para evitar as situacións de micromachismo que aínda se dan nas novas xeracióins ► CONCILIACIÓN. Necesítase máis igualdade para que a elección entre traballo e familia non as afaste dos postos de poder
Sabela Corbelle, Lara Méndez, Carmen Sánchez, Anjhara Gómez e Cruz Castro. VICTORIA CASTRO
photo_camera Sabela Corbelle, Lara Méndez, Carmen Sánchez, Anjhara Gómez e Cruz Castro. VICTORIA CASTRO

Cada unha destas catro mulleres ten o seu traballo e a súa familia e, día a día, fan malabarismos para poder conciliar ambas cousas, como tantas outras. Pese a que hai moito andado na recuperación de dereitos para a igualdade de xénero, algunhas recoñecen ter sufrido máis situacións de machismo ou micromachismo que outras e pensan que aínda non se chegou ao final do camiño.

A análise dos retos aos que se enfrentan as mulleres ante un novo 8-M centrou esta táboa redonda organizada por El Progreso, na que participaron Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, enxeñeira técnica agrícola e nai dunha nena; Carmen Sánchez, xerente de Embutidos Suarna, viúva, nai de tres fillos xa emancipados e ao cargo de dous familiares maiores; Cruz Castro, veterinaria de Asoporcel a tempo completo e nai dunha nena, e Anjhara Gómez, avogada, xerente da empresa de repostería Castanea e nai dun fillo.

O que queda por conseguir


A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, abre a intervención. Opina que hai moito feito desde o movemento sufraguista de hai un século, cando se pediu que as mulleres puidesen votar, pero tamén recoñece que queda moito por facer.

"Hai un inmenso traballo detrás dos dereitos que temos agora as mulleres. Houbo o movemento sufraguista e tamén mulleres que deixaron a súa vida na loita pola igualdade. Hai moito feito pero tamén moito por facer. Temos aínda os salarios máis baixos que os homes, as tomas de decisións son masculinas... e, por riba, hai institucións que poñen en entredito a normativa para a igualdade. Estamos ante situacións complexas que poden dar pé a unha cuarta onda do movemento feminista e si, aínda hai moito que facer", afirma Lara Méndez.


LARA MÉNDEZ Alcaldesa de Lugo

Recoñece que se non fose polo seu home, que se ocupa moitas veces da filla que ambos teñen un común, ela teríao máis complicado para conciliar e exercer de alcaldesa. Pensa que hai moito que facer para conseguir a igualdade de xénero, por iso defende o sistema de cotas e a discriminación positiva para as mulleres.

A violencia de xénero


É a violencia de xénero unha reacción machista ou non? Para Lara Méndez, si. "A violencia de xénero é o máximo expoñente do machismo. Hai persoas que poden ser violentas de por si pero ninguén mata a outro por pensar que é da súa propiedade e iso está a pasar coa violencia de xénero. Normalmente, vén a ser un proceso na relación de parella e ata que se levanta a man pasan anos. Ao final, moitas considéranse culpables porque lles foron mermando a personalidade", afirma.

ANJHARA GÓMEZ Avogada e reposteira artesanal

Anjhara Gómez saca á luz a influencia cultural no papel social da muller. "O proceso da igualdade de xénero é longo e hai moito por facer. Non é o mesmo ser muller en España que en África. Para min, a orixe da desigualdade é a cultura. A educación é a base do cambio cultural", opina.

Anjhara Gómez vai máis alá. Cre que a orixe da violencia de xénero pode estar mesmo na sociedade. "Para min, a orixe da violencia de xénero está nun dito galego que se dicía antes cando nacía un pequeno: "Un neno, cinco pesos; unha nena, unha peseta". Iso xa estaba dando a entender o valor social de ser home ou muller. O home sempre estivo máis valorado que a muller. Que pasa agora? Que a muller está saíndo fóra da esfera de control do home porque nos movemos e facemos as nosas vidas, temos tamén a nosa conexión co mundo exterior non só co doméstico e, ao final, é máis difícil controlarnos. Por iso os métodos de control fanse máis violentos", opina esta avogada.

Cruz Castro, veterinaria, disinte de que a causa da violencia sexa o machismo. "Creo que hai outros factores que tamén inflúen moito. Por exemplo, a educación que reciben os nenos ou os problemas de alcolismo. Para min, a violencia de xénero non é un problema de igualdade para a muller. De feito, na sociedade actual, eu, persoalmente, non detectei tantas diferenzas entre homes e mulleres".

Discriminación posiotitiva


Hai un Día da Muller. Non é algo discriminatorio que, a estas alturas, siga a haber unha data sinalada para as mulleres? Ou é necesario para lembrar que aínda non se acadaron todos os dereitos?

Cruz Castro non está moito a favor de que haxa un Día da Muller. "Non se tería que celebrar un Día da Muller para diferenzarse. Débese reivindicar a igualdade entre individuos, independentemente de se es muller ou home. É o mesmo que o sistema de cotas na política. Temos que estar representadas no Parlamento por unha porcentaxe? Tampouco estou a favor da discriminación positiva. Débese reivindicar a igualdade entre as persoas e que entren nos postos os máis válidos, sexan homes ou mulleres", asegura.

CARMEN SÁNCHEZ Xererente de Embutidos Suarna

Quixo facer Veterinaria e, ao final, dedicouse á empresa que crearon ela e o seu home, Embutidos Suarna. Nai de tres fillos xa emancipados, leva agora as rendas da empresa desde que enviuvou, pero tamén se ocupa de dúas familiares maiores. Na súa empresa só hai mulleres e recoñece que entre elas se axudaron para conciliar.

Non opina así Lara Méndez. Para ela, é necesario que haxa un Día da Muller. Como tamén é necesaria a discriminación positiva hacia as mulleres. "Defendo a discriminación positiva porque considero que hai que protexer o máis vulnerable da sociedade e a muller aínda está aí, entre os colectivos (e non me gusta nada esa palabra porque somos o 50 por cento da poboación) máis vulnerables. Por iso, son necesarias políticas que nos protexan. Igual que o sistema de cotas, eu deféndoo tamén porque no Parlamento deben estar as mulleres representadas na mesma porcentaxe que están presentes na sociedade e se non houbese ese sistema de cotas, moitas mulleres non terían acceso a eses postos. Ninguén dubida que no Parlamento galego teña que haber deputados das catro provincias porque todas teñen que estar representadas. Polo tanto, por que si se dubida que teña que haber a mesma representación de mulleres que de homes se somos a metade da sociedade? Son cousas que só se poden corrixir coa lexislación", indica.

Carmen Sánchez non ve necesaria, en cambio, a discriminación positiva hacia as mulleres. Entre outras cousas porque di que ela nunca se sentiu discriminada no seu traballo. "Eu empecei a estudar Veterinaria e despois funme dedicando a outras cousas pero non vin que se me discriminase por ser muller. Ao contrario, véxome capacitada para manexar a empresa e ir por aí coa furgoneta aínda que a xente me pregunte algunha vez que como me defendo. O que lles contesto é: "Se eu me vexo capacitada por que non o hei de facer, igual que se fose un home?". E calan a boca", afirma.

Quen si viviu discriminación foi Lara Méndez, mesmo na política. "Fun vicepresidenta da Deputación sendo José Ramón Gómez Besteiro presidente, que me leva só catro anos. E lembro que del dicían: "Fíxate, se ten que ser bo que, sendo tan novo, xa ten un cargo de responsabilidade", e de min dicían: "Bueno, como é tan nova, ao mellor xa lle queda grande o posto".

Para Lara Méndez, sempre hai unha dobre vara de medir diferente para os homes e as mulleres. "As discriminacións camúflanse pero vense con pequenos detalles. Ninguén che vai dicir que, como es muller, non te ven capacitada. Hai unha dobre vara de medir. Na miña casa, de nena, nunca sufrín discriminación, crieime en igualdade. Son enxeñeira técnica agrícola e aí si que sufrín discriminación por ser un mundo masculinizado. Pero tamén no ámbito político a sufrín. Incluso con compañeiros de partido e xa desde a Alcaldía. Un exemplo é que hai xente á que lle custa dicir tenente de alcaldesa cando en Lugo hai unha alcaldesa non un alcalde. Hai a visión de que eu son alcaldesa e cheguei aí porque viñen tutelada do anterior alcalde, do presidente da Deputación, do concelleiro de economía anterior... Como todos, fun aprendendo de moita xente, homes e mulleres, pero non necesito ser apadriñada", afirma.

Conciliación casas e traballo


Non é un problema novo, é algo que estivo aí sempre e que se agudizou a raíz da pandemia e, nalgúns casos, do teletraballo. Conciliar a vida laboral e a familiar segue a ser a principal barreira para que as mulleres formadas e cunha boa perspectiva laboral aos 30 anos poidan chegar a ascender postos na súa carreira e ocupar cargos de responsabilidade. "É difícil compatibilizar a carreira coa educación dos fillos. No meu caso, meu home deu un paso atrás para que eu puidese dar un paso adiante. Creo que na parella pasa iso. O que pasa é que adoita ser ao revés, é a muller a que dá o paso atrás porque o salario máis alto que entra na casa é o do home", comenta Lara Méndez.

Atender á casa e ao traballo supón para moitas mulleres levar unha dobre vida que só se solventa, ás veces, coas políticas sociais pero non sempre. Carmen Sánchez di que na súa empresa todas son mulleres e que algunhas delas coidaron dos fillos das outras e botáronse unha man en moitos momentos, pero aínda así hai veces que os fillos teñen que quedar sós. "Moitas veces tamén queremos medrar as mulleres no traballo e os fillos quedan sós na casa, non abandonados, nin desamparados, pero si sós. E, moitas veces, quedan coas maquiniñas ou con internet. Tamén vexo, por outro lado, pouca comunicación nas familias, cando están todos xuntos, polo uso da tecnoloxía neste caso", considera.

A politización do feminismo


É o feminismo unha cuestión política ou resulta que se está utilizando ese concepto para gañar votos entre as mulleres? A veterinaria Cruz Castro opina que, detrás do movemento do 8-M, hai un forte compoñente político. "Temos quepoñer máis normalidade nisto. Na marcha do 8-M do ano pasado, houbo un forte compoñente político, tanto por parte da organización como pola dos que armaron a polémica sobre se se debera facer ou non. Estase a facer un uso partidista da igualdade", conta.

CRUZ CASTRO Veterinaria de Asoporcel

Exerce de veterinaria na asociación de criadores de porco celta Asoporcel e tamén é nai dunha nena. Afirma que, no seu caso, non viviu ningunha situación discriminatoria por ser muller aínda que recoñece que farían falta máis políticas sociais para poder compatibilizar a vida profesional coa vida familiar.

Lara Méndez, en cambio, ve que o feminismo tamén é unha cuestión política. "Todo é política e a política é imprescindible. Non é o mesmo a política que sacar rédito político, pero isto tamén é lexítimo, mesmo desde o ámbito da igualdade. Creo na igualdade de xénero e de oportunidades pero isto non se nos dá ás mulleres. Oxalá non houbese un 8-M! Pero hai que conseguir a igualdade e despois decidir o que queiramos facer da nosa vida, independentemente do xénero, que é un condicionante. O que non debemos é demonizar a política. As manifestacións masivas son moi recentes e iso é porque estamos a ver como se nos volve atacar nos dereitos ás mulleres. Os rapaces novos son máis machistas e as mulleres interiorizan máis eses comportamentos que nas nosas xeracións", opina Lara Méndez.

As violacións grupais


O acceso gratuíto á pornografía e os roles da muller sumisa nese ámbito supón un perigo para a relación de igualdade entre xéneros. Neste tema, Anjhara Gómez aposta pola transmisión de valores aos rapaces. "Hai unha gran falta de transmisión de valores. Internet non é un factor determinante. A base de todo é educativa", di.

Lara Méndez comparte esta opinión pero ve un perigo o acceso á pornografía que poden ter os rapaces para futuros comportamentos agresivos contra as mulleres. "Teñen toda a información a un golpe de clic. A pornografía está aí e un neno non debería acceder a eses contidos porque acaban vendo iso como algo normal. Se fan unha agresión sexual en grupo e despois saen todos ríndose, normalízano, e se non teñen un contrapunto de que iso non é correcto, acábano facéndo", indica a alcaldesa.

Comentarios