EPTV 📺 | Calcúlase que hai tantos cans sen control como con microchip

Os participantes en Foro Lucense cren que a lei autonómica necesita financiamento

Os malos tratos animais, sobre todo no caso dos cans, e outros problemas como o abandono e o papel das administracións na regulación dos canes, centraron unha nova edición de Foro Lucense, o debate moderado por José Manuel Freire que se grava nos estudos de televisión do centro deportivo Forus e que está dispoñible os xoves á primeira hora da mañá na web de El Progreso.

O faladoiro, coa denominación de 'Ollo ¡co can!', contou coa presenza da maxistrada Pilar de Lara, experta en regulación lexislativa en relación aos animais e persoa moi concienciada contra os malos tratos; María Ángeles Valero, secretaria da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo; Álvaro Santos, concelleiro de desenvolvemento sostible do Concello de Lugo, e Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei.

Unha das principais conclusións do debate foi que se calcula que hai tantos cans ou máis sen control que con microchip, o que deriva en problemas posteriores cando hai abandono de canes, por exemplo, porque é moi difícil saber de quen son. Tamén se puxo sobre a mesa a lei galega de benestar animal, a cal está ben sobre o papel, pero que na práctica é moi difícil aplicar por falta de ferramentas, entre elas as orzamentarias.

A secretaria da Protectora contou casos que se viven a diario na canceira, mentres que o alcalde de Palas centrouse na casuística do Camiño de Santiago, onde hai unha gran proliferación de cans abandonados. Santos pormenorizou a situación en Lugo e a xuíza de Lara incidiu na necesidade de concienciar á poboación e na información.