Caixa Rural aumentou o crédito aos seus clientes un 4% durante o último ano

A entidade celebrou este sábado en Lugo a súa asemblea anual, na que Manuel Varela foi elixido vicepresidente
El presidente y los consejeros de Caixa Rural, momentos antes de la asamblea de este sábado en Lugo
photo_camera El presidente y los consejeros de Caixa Rural, momentos antes de la asamblea de este sábado en Lugo

Caixa Rural Galega aumentou o crédito á clientela un 4% no último ano. Ademais, incrementou os depósitos un 19%, «alcanzando nos dous casos cifras máximas na historia da entidade».

Este foi o balance que realizaron onte o presidente e os conselleiros de Caixa Rural durante a asemblea xeral ordinaria celebrada en Lugo, na que Manuel Varela foi elixido vicepresidente. Varela substituirá no cargo a Luciano Sánchez García, falecido hai uns meses.

Durante o acto, os representantes da entidade sinalaron que durante 2014 melloraron as marxes de negocio da caixa, «mentres que os gastos creceron polo aumento dos empregados e unha maior actividade».

De face ao futuro, a entidade recoñece que os próximos anos «van ser difíciles e marcados por un aumento na intensidade competitiva e unha dificultade grande derivada polos baixos tipos de interese , que inciden directamente na rendibilidade das entidades financeiras».

Aínda así, desde a entidade apuntan que a recuperación dos seus beneficios vai permitir incrementar as axudas ao Fondo de Educación e Promoción, o que fará posible a súa colaboración con outras institucións e asociacións para promocionar a cultura, a investigación ou o deporte de base, entre outros ámbitos. «O noso obxectivo empresarial», sinalaron, «será tamén centrarse en satisfacer as necesidades dos nosos socios e clientes con produtos e servizos sinxelos e a prezos competitivos».

Crise

De face ao próximo exercicio, Caixa Rural Galega espera continuar aumentando os seus resultados para poder achegalos aos niveis previos á crise. «Seguiremos traballando para mellorar a nosa eficiencia, xestionar a nosa morosidade e aumentar os nosos niveis de calidade do servizo», comentaron.

No transcurso da asemblea, o presidente da entidade,José María Pardo Montero, fixo referencia á «boa marcha» da entidade e apuntou que o seu beneficio neto retomou a senda alcista, «alcanzando un resultado neto de 1,8 millóns de euros, que reforzarán a solvencia da entidade», dixo.

Na súa intervención, Pardo Montero mostrouse optimista co futuro. «Todo parece indicar que a actual crise financeira comeza a remitir. Está a empezarse a remontar e empézase a notar a recuperación desta crise, que xa foi bastante longa», comentou.

Finalmente, o presidente de Caixa Rural Galega sinalou que a entidade «segue fiel ao seu sistema de extensión harmónica polo territorio da comunidade autónoma, con atención tanto ao medio rural como urbano;sobre o que cabe mencionar a adquisición dun local para a apertura dunha oficina en Pontevedra».

Comentarios