Os Cachivaches coróase no concurso galego de tapas

Logrou o primeiro premio do xurado popular e o terceiro do profesional

Armando Méndez y Alejandro Méndez, de la arrocería Os Cachivaches. EP
photo_camera Armando Méndez e Alejandro Méndez, da arrocería Os Cachivaches. EP

Os cociñeiros Alejandro Méndez e Alejandro Ares, da arrocería Os Cachivaches, gañaron o primeiro premio do xurado popular e o terceiro premio do xurado profesional na V Gala Showcooking do concurso De Tapas por Galicia celebrado o pasado martes no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

Armando Méndez, un dos propietarios deste local situado na zona de Acea de Olga, asegura que están "moi contentos e orgullosos por poder representar a toda a hostalería lucense" no certame.

Os Cachivaches presentouse ao concurso cunha tapa chamada "Bonito ti!" e que consistía nunha ración de bonito de Burela marinado con salsa de soia acompañada de yuca frita, guacamole caseiro, unha escerificación de laranxa amarga, algas wakame e un xeado de froito da paixón feito ao momento con hidróxeno líquido. Con esta mesma tapa, o restaurante xa gañara a última edición do concurso de tapas de Lugo. A vitoria no concurso local permitiulles presentarse ao concurso a nivel galego no que competiu contra outros sete restaurantes de toda Galicia, un por cada unha das cidades galegas.

O primeiro premio do xurado profesional foi para a tapa "Mantiña de castañas", elaborada por Paco Gómez, chef do restaurante pulpería A Feiriña de Ourense e o segundo para Rubén González, do restaurante O Cafetín de Pontevedra con "polbo emigrante atlántico & oriental".

Ademais do establecemento lucense, os membros do xurado popular recoñeceron en segundo lugar o traballo de Rubén González do Cafetín, mentres que o terceiro posto foi para Tomás Louro, do restaurante A Viaxe de Santiago co seu Montadito de tenrera galega e Arzúa-Ulloa.

A Consellería de Cultura e Turismo pretende difundir con este concurso de tapas, que xa vai pola súa quinta edición, a creatividade e a innovación dos cociñeiros galegos, promocionando así o turismo urbano, xa que cren que esta é unha boa forma para que os visitantes se interesen pola gastronomía galega.

Comentarios