Buscan a persoa que mobilizou os bombeiros de Lugo por unha falsa alerta de incendio

 A Policía Local rastrexou a chamada ao 112 para intentar localizar o infractor
Rúa Outono, en Lugo. GOOGLE MAPS
photo_camera Rúa Outono, en Lugo. GOOGLE MAPS

A Policía Local tramitou a correspondente denuncia para dar coa persoa que este martes obrigou a mobilizar a dúas dotacións do corpo de bombeiros, a dúas patrullas da Policía Local e a unha ambulancia medicalizada por mor dunha falsa alarma por un incendio urbano na cidade de Lugo. Os feitos sucederon sobre as 22.20 horas, cando unha chamada ao teléfono de urxencias 112 informou de que se estaba producindo un lume no número 10 da Rúa Outono, no cuarto piso.

Ademais, a persoa que realizou a chamada á central de urxencias indicou que no interior do piso había persoas que precisaban de asistencia médica. De inmediato desprazáronse á zona bombeiros, policía e efectivos do servizo de urxencias sanitarias, quen ao chegar ao lugar indicado e falar cos inquilinos da vivenda comprobaron que "non sucedía nada", nin tampouco en ningún outro piso do mesmo edificio.

Logo de realizar unha inspección por todo o edificio non acharon restos de fume nin indicios de que se producira un incendio. A causa do mencionado despregamento de medios, nesa zona da cidade xerouse un "gran estado de nerviosismo", informou a Policía Local.

Ante esta situación, fíxose unha rellamada ao teléfono que contactara co 112 e contestou unha voz de home, pero ao ser informado de que era a policía quen quería falar con el, cortou de xeito inmediato e xa non volveu contestar ao mesmo. A Policía Local informou de que cursou a correspondente denuncia, coa intención de dar co autor da chamada".

Comentarios