Os hostaleiros de Lugo, en busca de caldeiro e pulpeiro

Numerosos emporesarios da capital lucense manifestaron a súa intención de sumarse o mes que vén á tradición gastronómica do San Froilán
2020092511432470975
photo_camera Os caldeiros no feiral do San Froilán. AEP

As contidas festas de San Froilán deste ano non terán casetas do polbo, pero si caldeiros. Non serán catro, nin estarán nas costas do parque Rosalía de Castro, senón que serán, a priori, decenas e situaranse por toda a cidade, baixo supervisión da Policía Local.

En principio, son moitos os hostaleiros que están dispostos a recoller a luva lanzada polo Concello de Lugo, tras a proposta da Asociación de Hostalería, para manter vivo o atractivo gastronómico das patronais lucenses. Algúns se agruparán para servir este prato nos seus establecementos. O problema co que se poden atopar é se haberá caldeiros e pulpeiros para atender tanta demanda.

Os empresarios que instalaron caseta nos últimos anos no recinto feiral, que nesta edición terían que renovar a adxudicación, habilitarán espazos nos seus locais para continuar coa tradición durante o mes que vén.

Ana Núñez, de Torre de Núñez, que levaba uns tres lustros acudindo ao feiral, explicaba que desde que reabriron o hotel en xuño, tras case tres meses pechado, teñen habilitada unha ampla terraza, que dispón de estufas e grandes paraugas, na que instalarán un caldeiro.

"É algo tradicional, moi típico na nosa cidade e débese de facer nesta nova normalidade, coa cautela que esixen os tempos", afirmaba este xoves esta empresaria lucense.

"Trátase de que os clientes se sentan cómodos e extremar as medidas de seguridade", engadía Ana Núñez, que advertía de que "non podemos pretender facer como nas casetas, que son únicas en España".

Juan Pazó de Aurora do Carballiño, que é a decana das casetas do feiral, sinalaba que solicitaron autorización ao Concello para poder instalar unha terraza e un caldeiro diante do seu pulpería, na Praza da Constitución, para intentar capear "un ano que nin é bo e que imos tirando como podemos", precisaba.

Os hostaleiros teñen que presentar un plano coa localización do caldeiro e as mesas e supervisarao a Policía Local

O benxamín das casetas, o restaurante Nadela, cun par de anos de experiencia no feiral, creará "unha gran pulpería ao aire libre nunha leira de 15.000 metros para manter as distancias e poder recrear a tradición do polbo á feira". Así o adiantaba hai uns días o seu xerente, Nacho Rodríguez.

Quen por agora non esfollou a margarida do que fará en San Froilán, festa reconvertida este ano nunha semana cultural, é Ramiro López, da Palloza, segundo aseguraba este xoves.

SINERXIAS. Hai hostaleiros que decidiron ir da man nesta ocasión. é o caso dos de Campo Castelo, onde haberá polo menos dous caldeiros. O Castelo e O Camiño instalarán un e o outro o compartirán Chuche, Vitato, Parada 33, O Figón, Ho! Gruf e Bar Manolo. En ambos os casos funcionarán do 1 ao 15 de outubro e o resto do mes servirano de xoves a domingo. Os clientes comprarán o polbo no posto e despois degustarano nas terrazas ou no interior dos locais.

Elías Vázquez, de Chuche y Vitato, explicaba que pretenden dar así continuidade ao "alivio" que supuxeron durante o verán as terrazas para manter á boia os seus negocios.

Os caldeiros repartiranse polos catro costados da cidade. En Fontiñas poderían repetir, como noutros anos, Os Ropers e O Capricho. En Recatelo, o bar do mesmo nome e o Manger. Na Milagrosa algún hostaleiro da peonil Rúa Divina Pastora púxose ao choio e en Augas Férreas polo menos a Cook vai dar ese paso adiante, segundo daba a coñecer o seu propietario, Suso Díaz.

"É unha boa iniciativa. Axudaranos a facturar máis", explica este hostaleiro, que, se se manteñen os límites actuais, só podería servir o polbo en terraza, xa que o seu local é lecer nocturno.