Bonxe aplica unha terapia con animais para presos con enfermidade mental

Oito internos do centro penal lucense xa realizaron a primeira das seis saídas programadas, que foi ao albergue da Protectora e ao Hospital Veterinario Rof Codina
Los reclusos con personal de la Protectora
photo_camera Los reclusos con personal de la Protectora

A súa docilidade e o seu carácter afectuoso, entre outras cualidades, fan do can un animal idóneo para as terapias asistidas, sobre todo para persoas con discapacidade. A prisión de Bonxe puxo en marcha por primeira vez unha actividade deste tipo para que se poidan beneficiar internos que padecen enfermidade mental.

A unidade de tratamento deste centro penal lucense programou seis saídas co fin de que presos deixen temporalmente a súa reclusión para evadirse interactuando con animais domésticos.

Nesta actividade terapéutica participan oito internos que están incluídos no programa de atención integral a enfermos mentais, que ten como meta a súa rehabilitación.

Os beneficiarios acaban de facer a primeira saída ao exterior. Por unhas horas deixaron as celas para gozar da compañía do que está considerado o mellor amigo do home.

Os internos visitaron o albergue que a Sociedade Protectora de Animais ten en Muxa, onde atende a preto de 400 cans. Alí tiveron a oportunidade de pasear a canes e encargarse da súa limpeza.

Despois participaron nun taller terapéutico no Hospital Veterinario Rof Codina, no campus lucense, onde aprenderon a relacionarse cos animais e a educalos.

Oito internos do centro penal lucense xa realizaron a primeira das seis saídas programadas, que foi ao albergue da Protectora e ao Hospital Veterinario Rof Codina.

Vantaxes. A subdirectora de tratamento do centro penal de Bonxe, Laura Suárez, considera que a axuda dos animais pode contribuír a «potenciar as habilidades de comunicación e de relación persoal» destes internos.

Laura Suárez entende que esta actividade terapéutica, que xa leva a cabo noutros centros penais galegos, como Teixeiro (A Coruña) ou Pereiro de Aguiar (Ourense), permitirá ademais «mellorar a autoestima, a autonomía e as relacións sociais; reducir os estados de ansiedade e depresión e fomentar o sentido da responsabilidade».

Estas saídas, que contan co respaldo financeiro da fundación Barrié, completan a terapia que vén desenvolvendo na prisión de Bonxe con actividades deportivas, ocupacionais e educativas.

Os internos son acompañados por profesionais que integran o equipo multidisciplinar do centro penal e por voluntarios da Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais (Alume).

Comentarios