O bono eléctrico axudou no que vai de ano a 530 familias lucenses

Isto supuxo un desembolso para a Xunta de 175.950 euros
Facturas de la luz. EFE
photo_camera Facturas da luz. EFE

Un total de 530 familias lucenses xa foron beneficiarias no que vai de ano do bono eléctrico galego, o que supuxo un desembolso para a Xunta 175.950 euros.

O bono eléctrico está dirixido a consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social co obxectivo de asegurar a este colectivo o acceso á electricidade.

Para acceder a estas axudas, os solicitantes deben ser persoas residentes en Galicia e titulares dun servizo de subministración eléctrico que estea contratado a través da tarifa de último recurso, ser consumidores vulnerables severos e estar risco de exclusión social, que deberá ser acreditado.

A Xunta anuncia unha segunda ampliación do crédito das axudas do bono eléctrico galego. Así, increméntase en 500.000 euros (un 31% máis) o orzamento destinado a estes apoios ata alcanzar os 2,1 millóns de euros.

GASTO MEDIO. As familias lucenses destinan unha media de 1.294 euros ao ano ao pago das principais subministracións dos seus fogares (auga, luz e gas), segundo un estudo realizado con datos do 2019 pola consultora AIS Group. Esta cifra representa o 5,08% do total do gasto medio anual, que se cifra en Lugo en 25.464 euros. Esta porcentaxe é o máis alto das catro provincias da comunidade.

Se dividimos este gasto por partes, a porcentaxe máis elevada (un 73,64%) en Lugo lévallo a electricidade, na que as familias gastan unha media de 741.24 euros ao ano. Unha cifra só superada pola provincia da Coruña, onde os fogares gastan en electricidade 769.64 euros de media.

En auga, un fogar lucense gasta unha media de 90,78 euros e en gas a media é de 174,59 euros. O gasto medio das familias nas subministracións do fogar é un dos indicadores incluídos en ODS Maps (mapas de obxectivos de desenvolvemento sostible).

"Dáselle moita relevancia tanto nos obxectivos de desenvolvemento sostible como na axenda urbana á hora de lograr a sustentabilidade e combater a pobreza enerxética", indica AIS Group.

Comentarios