Os bombeiros de Lugo denuncian a falta de efectivos

Van iniciar concentracións e recollidas de firmas "para facer ver ao goberno e á cidadanía a necesidade de cubrir as vacantes"

Membros do persoal do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Lugo denunciaron este xoves en rolda de prensa a situación de precariedade laboral que soporta este corpo ao alegar que non poden cubrir "dous sinistros á vez" por falta de efectivos.

O delegado de Comisións Obreiras no parque de bombeiros, Tino Vila, advertiu de que "co persoal que hai agora mesmo é imposible cubrir dous sinistros á vez". Neste momento son 37 os traballadores que a forman, o que supón "unha redución da mesma nun 31 por cento con respecto a 2002", segundo explicaron.

Esta situación agrávase pola "previsión de cinco xubilacións durante este ano e pola ausencia de xefatura desde 2015, ocupando o posto o bombeiro máis antigo que se atopa en cada quenda", puntualizou. "Queremos manifestar que faremos todo o posible cos medios humanos dispoñibles para manter a operatividade do servizo, pero corresponde ao Concello de Lugo garantir a seguridade da cidade e dos propios bombeiros, xa que reducir a cantidade de participantes nunha intervención aumenta o risco e a día de hoxe seríanos imposible cubrir dous sinistros á vez, co persoal actual", explicaron.

Os profesionais lucenses reiteraron en numerosas ocasións "a necesidade dun servizo mínimo de oito bombeiros por quenda", reivindicación que, aseguraron, "a alcaldesa non aceptou, decretando un mínimo de seis bombeiros por quenda, polo que a postura adoptada polo persoal foi a de realizar servizos extraordinarios voluntarios coa finalidade de manter un servizo operativo, sempre que non se cubrían as vacantes".

"Existen multitude de referentes que sinalan que unha intervención eficaz depende do número de efectivos dispoñibles, temos un tráxico e claro exemplo co recente incendio nun edificio en Badalona que deixou o balance de varios mortos e decenas de feridos. A ese lume acudiron 11 bombeiros de Badalona e chegou un reforzo de 21 bombeiros de Barcelona, algo que está moi lonxe do número de bombeiros que poderían saír se pasa algo similar en Lugo", detallaron.

"IRRESPONSABILIDADE". O sindicalista describe esta situación como "unha neglixencia e irresponsabilidade" por parte do equipo de goberno municipal. Así, esixe "que se cubran urxentemente todas as vacantes das ofertas de emprego público". "Toda esta falta de organización e recursos humanos supón un altísimo risco para a cidadanía de Lugo e para a seguridade dos propios profesionais", sentenciou.

Finalmente, advertiu de que van iniciar concentracións e recollidas de firmas "para facer ver ao goberno e á cidadanía a necesidade de cubrir as vacantes co único fin de dar un servizo de calidade e de seguridade aos cidadáns".