O BNG reclama a Rueda que se retome a rehabilitación do centro histórico de Lugo

Rubén Arroxo pide retomar o proxecto para recuperar o barrio da Tinería "logo de doce anos de abandono do Partido Popular"
Locales del barrio de A Tinería. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Brrio de A Tinería. VICTORIA RODRÍGUEZ

O portavoz do BNG no Concello de Lugo e tenente de alcalde, Rubén Arroxo, reclamoulle ao novo presidente do PdeG e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que retome os traballos de rehabilitación no barrio da Tinería, no centro histórico da cidade. "É necesario retomar o proxecto de rehabilitación deste barrio, logo de doce anos de abandono do Partido Popular", recalcou.

"Mentres que desde o goberno de Lugo traballamos para mellorar a imaxe da cidade e da contorna da muralla, a Xunta de Galicia continúa deixando esta zona da cidade abandonada", dixo o político nacionalista. Nese sentido, recordou que o proxecto impulsado polo BNG, cando formou parte do goberno galego, recibiu o Premio Dubai de Boas Prácticas, outorgado polas Nacións Unidas.

"O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación dun barrio á beira da muralla de Lugo —Patrimonio da Humanidade—, que posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, coa creación de emprego e o uso dos baixos de propiedade pública para iniciativas de emprendemento", sinalou Arroxo. Tamén a "posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona", aínda que "proxectos como a escavación dos fornos —romanos— foron abandonados en 2009, coa chegada do PP ao goberno galego". 

Comentarios