O BNG reclama que a catedral pague o Ibi se cobra entrada

O portavoz do grupo municipal, Rubén Arroxo, propón esta medida se a basílica funciona como empresa

Rubén Arroxo. SEBAS SENANDE
photo_camera Rubén Arroxo. SEBAS SENANDE

O BNG pedirá que o Concello estude a posibilidade de cobrar o Ibi ou os correspondentes impostos de actividade económica no momento en que a catedral empece a funcionar como empresa e cobre entrada.

"Se existe a previsión de que a catedral empece a funcionar como unha empresa, o Concello terá que aplicar os oportunos impostos sobre esta actividade económica e estudar se este cambio de uso pode provocar o deber, sobre a propiedade, de afrontar o pago do IBI do edificio", dixo Rubén Arroxo.

O edil sinalou que "en Lugo todos os museos e salas museísticas son de acceso gratuíto; por iso ten difícil explicación que un monumento que está exento do pago de impostos, que recibiu innumerables axudas publicas para o seu mantemento e que recibe fondos utilizando a facenda pública como mecanismo de recadación poida ser xestionada como unha empresa para facer negocio".

A catedral de Lugo recibiu máis de 300.000 euros do Goberno estatal, así como outras importantes axudas para a recuperación do museo catedralicio e para outras actuacións de posta en valor de diferentes administracións.

APARCADOIRO. O BNG tamén considera "especialmente sanguento" o aparcadoiro do Seminario, que o Obispado está a explotar e que non tributa igual que o fan o resto de empresas implantadas no concello. No caso deste parking, a Igrexa acóllese á Lei de Mecenado para evitar pagar ao Concello o IBI polo negocio de aparcadoiro.

O BNG insiste na necesidade de que haxa unha igualdade de trato, a nivel impositivo, no mesmo tipo de negocio polo que considera que, tamén neste caso, a Igrexa debería tributar.

Comentarios