O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o seu partido levará a pleno unha iniciativa para que se planifique a renovación integral do céspede do estadio Gregorio Pérez Rivera para a práctica de rugby e atletismo. Arroxo recordou que "cada vez son máis" os usuarios desta instalación e que nos últimos 21 anos "non se renovou ningunha vez", o cal provoca que nos meses de inverno "amose unha situación lamentable".
Arroxo apuntou que a día de hoxe son "200 practicantes semanais de rugby" e que noutras cidades as instalacións destas características "renóvanse cunha periodicidade anual". O portavoz reclamou que a renovación se faga a final de tempada "para evitar molestias aos usuarios".