O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou este martes a intención da formación nacionalista de pór en marcha ao longo do próximo mandato un servizo de taxi compartido a demanda na zona rural do municipio, tendo en conta de que resultaría moi difícil dar cobertura ás 54 parroquias con bus urbano.
En declaracións aos medios de comunicación, recordou que "neste momento cada quilómetro de autobús cústalle ao Concello 2,10 euros, mentres que cada quilómetro de taxi custaría ao redor dun 1 euro".
Arroxo dixo que este proxecto será desenvolvido co propio colectivo de taxistas, dado que os vehículos compartidos serán coordinados polo servizo de Radio-Taxi para "optimizar o seu funcionamento". "Trátase de organizar rutas diarias en función da demanda existente", nas que "os usuarios pagarían o mesmo prezo que o establecido para os buses urbanos".