O BNG destaca o resultado "histórico" fronte ao sabor "agridoce" de non gobernar

Olalla Rodil, que destaca que é a primeira vez que o Bloque consegue catro escanos en nbsp;&Lugo, considera que esta fronte nacionalista é a "alternativa real" ao PP e que "non ten teito"
Deputados electos do BNG por Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Deputados electos do BNG por Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O número 1 do BNG pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, afirmou este mércores que esta fronte nacionalista alcanzou o pasado domingo un "resultado histórico" e "uns números extraordinarios" que lle fan sentir "un tremendo orgullo", aínda que recoñece que lle produce "un sabor agridoce" por non "poder abrir un tempo novo cun novo goberno neste país".

Olalla Rodil realizou esta valoración durante un almorzo informativo que mantivo cos medios de comunicación xunto aos outros tres parlamentarios lucenses electos desta formación política, Daniel Castro, Montserrat Valcárcel e Iago Suárez —estes dous últimos estrearanse no Pazo do Hórreo—.

A deputada electa, que destacou que ilusión é "a palabra que representa mellor a campaña electoral" do BNG, asegurou que os resultados do 18-F evidencian que esta fronte nacionalista é "a alternativa real ao PP" e que "non ten teito, nin límites", como ao seu xuízo pono de manifesto o feito de que conseguiu "unha representación parlamentaria como nunca tivo", con 25 escanos —catro por primeira vez na provincia de Lugo—, un 31,5% dos votos emitidos e 155.000 sufraxios máis que nas autonómicas de 2020. "A campaña demostrou que algo cambiou neste país. O cambio é imparable. Hai un terzo do hemiciclo que quere que as cousas muden", indicou.

Rodil considera que o BNG debe "ensanchar a base electoral" e seguir "moi pegados ao territorio e en contacto permanente con todos vos colectivos e entidades para ser catalizadores dás súas propostas para trasladalas ao Parlamento Galego" para alcanzar o triunfo na cita de 2028.

A cabeza de lista pola provincia de Lugo asegurou que o BNG acudirá ao Parlamento de Galicia "coa man tendida" para "mellorar as condicións de vida dos galegos, os servizos públicos..." e espera que o PP "teña capacidade de escoita e entendemento" coa oposición no canto de pasar "o rodete coma sempre".

"Nestes oito anos que levo no Parlamento o PP escoitou moi pouco e desprezounos. Espero que o PP saiba gañar", advertiu a nacionalista.

Daniel Castro, pola súa banda, aludiu ás demandas sobre a súa comarca, a de A Mariña, onde ao seu xuízo "está todo por facer", que o BNG levará ao Parlamento galego. Así dixo que batallarán para que A Mariña conte cunha área sanitaria propia e que todos os centros de saúde de Atención Primaria dispoñan do persoal necesario.

Esixiu que se avance na vía de alta capacidade Costa Norte de Ferrol a San Cibrao, pois "só se levan 16 quilómetros dous 80 en 21 anos", e que se garanta o emprego en Alcoa.

Comentarios