A deputada do BNG por Lugo Olalla Rodil presentará unha iniciativa no Parlamento galego para que a Xunta constrúa un pavillón deportivo cuberto no IES Xoán Montes, na cidade de Lugo.
Rodil recolle así, segundo explica, unha demanda da Anpa do instituto, "que vén reclamando dende hai tempo un espazo cuberto para a práctica deportiva", asegura. Na actualidade, o instituto case non dispón de instalacións deste tipo, máis aló das situadas no soto -nas que, segundo asegura Rodil, non se poden cumprir as medidas derivadas da crise sanitaria-, e unha carpa instalada no patio exterior.
O Xoán Montes atópase a carón da muralla e conta coa debida protección patrimonial, polo que calquera obra ou actuación no edificio ou nos terreos próximos está condicionada a esta circunstancai. Porén, o BNG reclama ao Goberno galego que estude todas as posibilidades para dotar o centro de ximnasio cuberto.
Rodil acudiu na mañá deste sábado ao Xoán Montes, acompañada dos concelleiros Rubén Arroxo, Felipe Arias e Cristina López, para poñer de manifesto esta demanda.