miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

O BNG leva recollidas máis de 2.000 sinaturas para que Lugo conte cun "tren digno"

Rego, Arroxo, Pontón e Roldil asinan a petición en Lugo. BNG
Rego, Arroxo, Pontón e Roldil asinan a petición en Lugo. BNG
"Cando era pequena podía coller o tren en Oural para vir a Lugo ou a Sarria, e a día de hoxe esa estación está pechada", asegura Ana Pontón

O BNG leva recollidas "máis de dous mil sinaturas" para que Lugo conte "cun tren digno", despois de que hai dous meses lanzase a campaña chamada Lugo Quere Tren.

A mesa de recollida de firmas trasladouse este venres á rúa Quiroga Ballesteros da capital lucense, onde participaron coa súa sinatura a portavoz nacional, Ana Pontón, e o deputado nacionalista en Madrid, Néstor Rego.

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que esta campaña obedece "á situación de illamento na que está a quedar a cidade de Lugo, a comarca de Lugo e a provincia respecto diso das liñas ferroviarias".

"Comezamos esta campaña hai dous meses e está a ter un éxito importantísimo. Levamos xa máis de dous mil asinas recollidas, e cada vez que pomos este posto de recollida de firmas son moitísimas as persoas que se achegan e anímannos a continuar coa campaña", subliñou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expuxo que "esta é unha campaña que vai máis aló do BNG, é unha campaña do conxunto da cidadanía, que quere pór o foco en algo tan importante como é que Lugo non perda o tren".

"Levamos demasiado tempo vendo como Lugo e no interior (de Galicia) estamos a perder servizos. Eu podo falar en primeira persona, cando era pequena recordo que podía coller o tren en Oural para vir a Lugo ou a Sarria, de feito, o tren era un medio que utilizabamos moito, e a día de hoxe esa estación está pechada e o número de trens cada vez é menor", protestou.

Pontón queixouse de que "non se fixo o esforzo necesario para que Lugo teña un tren do século XXI. "E iso é o que queremos reivindicar", agrega.

"Esta campaña quere acabar cunha anomalía, coa anomalía de que Lugo non teña unhas conexións de primeira co resto de cidades do país, que Lugo sexa a única capital de provincia que non está conectada coa capital de Galicia, con Santiago de Compostela", esgrimiu.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reivindicou que "esta é unha reclamación xusta, e o Goberno español ten que atender esta demanda que non é do BNG, senón da cidade de Lugo, de mellorar as infraestruturas".

O BNG leva recollidas máis de 2.000 sinaturas para que Lugo conte...
comentarios