domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

O BNG lamenta que o PP censure a Def Con Dos e se poña "de perfil" con Vox

Maite Ferreiro. EP
Maite Ferreiro. EP

A edila de Cultura Maite Ferreiro critica que se deixen acompañar de grupos que cuestionan "o terrorismo machista"

A edila de Cultura do goberno bipartito de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, cualificou como "un pouco esaxerada" a reacción do Partido Popular tras anunciar a contratación do grupo Def Con Dos para as patronais de San Froilán e lamenta que cargue as tintas contra ese concerto cando "se pon de perfil" con organizacións que cuestionan "o terrorismo machista".

"Creo que a reacción foi un pouco esaxerada. Parécenos curioso que o Partido Popular se escandalice pola contratación dun grupo que non fixo máis que exercer a súa liberdade de expresión", dixo Maite Ferreiro. Con todo, afirmou a edila do BNG, "ponse de perfil cando está a pactar ou cogobernando con grupos que cuestionan outro tipo de terrorismo, como o terrorismo machista", en clara alusión a Vox.

Tamén "cando esas organizacións da extrema dereita cuestionan aos técnicos que están a axudar ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero". "Por tanto, eu non lle dou maior importancia. Consideramos que Lugo ten que ser unha cidade aberta, na que teñan cabida grupos e distintos colectivos que poidan expresarse libremente. Queremos que Lugo sexa unha cidade que, ademais de respectar a liberdade de expresión, poida acoller a toda a diversidade cultural e individual que pode haber", engadiu.

Por iso, fixo "unha invitación" a "todas aquelas persoas que se queiran achegar ao San Froilán", que se celebra en outubro, sen darlle "maior importancia a este tema".

Por outra banda, Maite Ferreiro asegurou que o Concello non subvencionará a viaxe dos seguidores da banda desde Madrid, senón que xestionará, como vén sendo habitual nos últimos anos e en colaboración coas compañías de transporte, descontos no desprazamento a Lugo durante os días de festa, como unha forma máis de achegar o San Froilán a outros lugares de España e como vehículo de promoción das patronais.

CIUDADANOS. A portavoz do grupo municipal de Ciudadanos, Olga Louzao, opina que o goberno bipartito de Lugo non tardou demasiado en "ensinar a súa verdadeira cara". Desde o seu punto de vista, "o goberno local está no seu dereito de contratar a quen considere oportuno", pero coa elección de Def Con Dos amosa "quen son".

PP. O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Ramón Carballo, afirmou que a anunciada contratación serve para ver o que hai, "o que se esconde debaixo" da "pel de cordeiro" coa que se presenta habitualmente o BNG. En rolda de prensa, Ramón Carballo dirixiuse expresamente á alcaldesa da cidade, Lara Méndez, para preguntarlle se tanto ela como o Partido Socialista "avalan" a actuación anunciada "polo outro goberno desta cidade", aínda sabendo que o vocalista do grupo foi condenado por humillar ás vítimas do terrorismo.

Segundo Carballo, as festas patronais de Lugo nunca "deben ser politizadas", que é xustamente o que fixo o BNG "coa primeira decisión", un anuncio no que se empeza a "desenmascarar" a súa verdadeira natureza.

O BNG lamenta que o PP censure a Def Con Dos e se poña "de perfil"...
Comentarios