O BNG defenderá no Congreso unha emenda para conectar Lugo e Santiago por tren

"É un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando un traxecto directo", sinala Néstor Rego
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Néstor Rego. EFE

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou este sábado unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2021 que defenderá para iniciar o estudo sobre unha liña ferroviaria que conecte Lugo con Santiago de Compostela.

Así o avanzou Rego durante unha visita á propia cidade lucense acompañado polo tenente alcalde, Rubén Arroxo. Desde alí, o deputado lamentou que Lugo sexa "a única cidade" de Galicia que non ten conexión directa por tren coa capital.

"É un agravio que se resolvería con unha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando un traxecto directo", suxeriu.

Ademais, o Bloque propón incluír nos PGE un estudo para a "electrificación e modernización da liña e dos trens da actual vía Lugo-A Coruña", o cal "compensaría porque por estrada non hai alternativa por autovía" e sería unha opción "moito máis cómoda" para moita xente, recalcou Rego.

Pola súa banda, Rubén Arroxo explicou que estas emendas buscan salvar a "gran débeda" do Estado con Lugo. O tenente alcalde tamén criticou que "aínda non" estea terminada a A-54 cara a Santiago, polo que polo momento as conexións entre ambas as cidades "son realmente malas".

Así mesmo, Arroxo cualificou como "necesidade histórica" a mellora da seguridade da circunvalación da N-VIN ao seu paso por Lugo, xa que é "o viario con máis tráfico da provincia", asegurou.

Comentarios