"A universidade pública permitiunos estudar aos que non eramos de familia rica"

Rubén Arroxo criticou que a Xunta facilite a creación dunha universidade privada
Arroxo, ese xoves no acto. EP
photo_camera Arroxo, ese xoves no acto. EP

O BNG reivindicou este xoves, cun acto celebrado no Campus de Lugo, que pertence á Universidade de Santiago de Compostela, o papel que desempeña a universidade pública en Galicia, que trata de recuperarse dunha década de recortes, á vez que está en marcha a xestación dunha universidade privada.

Neste acto, que se celebrou na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, participou o tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, o parlamentario do BNG Manuel Lourenzo e a profesora da USC Ana Isabel García.

Durante a súa intervención, Arroxo dixo que é necesario reforzar a universidade pública para ofrecer unha educación de calidade, aproveitando o potencial na investigación e na ciencia cos que contan as nosas universidades, algo que, ao seu xuízo, reverterá no desenvolvemento do país.

De feito, lembrou que o sistema público de universidades permitiu que todas as persoas puidesen acceder a unha educación de calidade sen ser de familia rica.

Por iso, criticou que o Partido Popular, desde o goberno da Xunta, facilite a creación dunha universidade privada, mentres que o tres universidades galegas perderon 440 millóns de euros, só no que se refire ao orzamento dedicado ao ensino universitario.

Segundo Arroxo, ao analizar tamén o investimento perdido nas partidas dedicadas a investigación, o recorte chega a 825 millóns de euros nos últimos doce anos.

As universidades galegas necesitan recuperarse tras unha década de recortes, para o que é necesario, engadiu, dotalas de máis orzamento.

O obxectivo, dixo o portavoz nacionalista, é que siga formando ás xeracións presentes e futuras, para que sexan a punta de lanza da investigación, da ciencia e do coñecemento, que son as bases para unha Galicia verde, sustentable, de vangarda e con futuro.

Comentarios