Bande accede ao decanato de Empresariais co reto de lograr proxección exterior

Revitalizar a vida académica e mellorar o aproveitamento de espazos para o alumnado son outros dos obxectivos do seu equipo
Roberto Bande Ramudo. EP
photo_camera Roberto Bande Ramudo. EP

O profesor do departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC Roberto Bande Ramudo releva a Begoña Barreiro Fernández á fronte do decanato da facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC. Bande accede ao cargo co reto de revitalizar a vida académica e aumentar a proxección exterior do centro lucense e da investigación que desenvolve.

A candidatura encabezada por Roberto Bande e da que tamén forman parte Jacobo Feás, en calidade de vicedecano, e Sandra Castro, como secretaria académica, foi a única que concorreu ás votacións celebradas onte tras a celebración dunha xunta de facultade, que apoiou ao novo equipo de goberno co 97 % dos votos emitidos.

RETOS. A dinamización da vida cultural do centro universitario lugués e a recuperación e o mellor aproveitamento de espazos para o estudiantado constitúen algunhas das propostas manifestadas pola candidatura liderada por Roberto Bande, cuxo programa de goberno tamén avoga por promover a formación do alumnado na elaboración de informes e estudos académicos, potenciar a mobilidade estudantil a través dos programas de intercambio existentes, ademais de elaborar unha guía de servizos e doutras cuestións que resulten de interese para os novos alumnos que cada ano se incorporan ao centro.

O decano electo adiantou neste sentido as novas expectativas xeradas tras a implantación do novo grao en Empresa e Tecnoloxía, un título que o próximo curso 2021-2022 contará cun grupo de docencia semipresencial, o que implicará a adaptación da metodoloxía tradicional de ensino-aprendizaxe.

As actuacións propostas neste sentido son diversas e abarcan desde a creación dun espazo que permita a gravación de material audiovisual ata a formación e capacitación do profesorado no manexo dos equipos tecnolóxicos, así como para a edición e xeración deste tipo de materiais de uso educativo.

Comentarios