O Santander anulou a poxa do Garañón e o Concello negocia a compra da finca

O plan é crear unha zona verde neste lugar e a administración asegura que traballa para "preservar o máximo o interese público"
photo_camera Torres de O Garañón, que serán derribadas. AEP

A poxa da parcela do Garañón, convocada polo xulgado de Ourense que leva o proceso concursal do que foi dono da mesma, Ricardo Iglesias Paredes, foi cancelada hai uns días a petición da parte ejecutante, o Banco Santander. A decisión obedece ás conversacións que existen co Concello de Lugo, que a priori é o principal interesado, e seguramente o único, en facerse con este terreo, onde quere crear unha zona verde.

A entidade bancaria é o principal acredor de Iglesias, a quen no seu día concedeu unha hipoteca para construír nese lugar. Como é sabido, o proxecto urbanístico resultou errado, despois de que as licenzas de urbanización dos terreos e de edificación das dúas torres que empezaron a construírse fosen anuladas polo xulgado. Este tamén acabou tombando a calificación urbanística que tiña aprobada esta privilexiada zona da cidade.

O Banco Santander pedira a poxa pública da parcela do Garañón por 10,6 millóns de euros

O actual goberno local decidiu dar un xiro de guion xa no anterior mandato e renunciou a seguir recorrendo as sentenzas xudiciais, de tal forma que non só derrubará as torres senón que apostou por modificar o PXOM nesta zona para eliminar a edificabilidade que tiña asignada e deixala como espazo verde, prolongando así o parque Rosalía de Castro e as costas.

O goberno local mantén discreción sobre os pasos que está a dar para facerse cos terreos (3.662 metros cadrados). Asegura que "nunca deixou de manter o contacto» coa outra parte e admite que hai conversacións para tratar de buscar solucións ás distintas frontes que hai abertas neste caso «preservando sempre o máximo posible o ben público".

Esta era a segunda vez que a parcela saía á venda, tras un primeiro intento nunha poxa notarial na que o terreo saíu por seis millóns de euros, sen que recibise ningunha oferta. Esta vez o prezo era de 10,6 millóns de euros, aínda que o obxectivo é, loxicamente, pagar o menos posible por ela. O Banco Santander non se manifestou, pero en boa lóxica o seu interese tamén sería desfacerse dun ben ao que, ao quedar sen edificabilidade, non poderá sacar ningún rendemento e cuxa venda non só lle permitiría recuperar liquidez, aínda que sexa menor ao valor que tivo no seu día, senón tamén o depósito no Banco de España ao que se está obrigado cando existe un crédito.

O Concello non só ten que facerse coa propiedade da parcela para executar o seu proxecto, senón que debe derrubar as torres que quedaron a medio construír, para o que se necesita un proxecto técnico e un proceso de licitación da obra, xa que o custo está estimado en preto dun millón de euros.

Así mesmo, a administración ten que cumprir outros requirimentos xudiciais, como a revisión do PXOM, xa que o plan está anulado nese lugar. Este traballo aproveitarase para cambiar a cualificación do chan e deixalo como zona verde. Xa está encomendado a un gabinete de arquitectura da cidade, pero aínda está fase bastante inicial.

E, para rematar, o Concello afronta unha reclamación patrimonial do promotor, que foi á quebra, polo que o diñeiro, de perder o preito a administración, sería para os acredores. A demanda presentada por Iglesias é duns 15 millóns de euros, aínda que xa recollía a posibilidade de elevala a uns 26 millóns de euros se se materializaba a vontade do Concello de deixar a parcela sen edificabilidade, por conceptos como dano e perda de lucro cesante.

Hai unhas semanas, a alcaldesa asegurou que, segundo a tese do servizo xurídico do Concello, a administración podería non ter que pagar indemnización algunha, ou polo menos non a cantidade que se lle reclama. Un hipotético erro procedimental do demandante podería ser unha baza para iso.

A batalla xudicial de veciños da zona polo impacto visual das torres está na orixe do fracaso deste proxecto urbanístico, que despois foi obxecto dunha investigación penal que acabou arquivada pero que antes supuxo a destrución de varias carreiras políticas.

 

En dúbida a legalidade do convenio

Outra posibilidade para intentar librar as arcas públicas da hipoteca que pode supor O Garañón é que o Concello intentase anular no xulgado o convenio que a administración asinou co promotor en tempos do alcalde José López Orozco e do concelleiro de urbanismo José Ramón Gómez Besteiro.

Esta opción parece difícil que se expoña, pola carga política que tería, pero é unha vía que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deixou aberta na súa sentenza sobre o PXOM, na que anulou a parte do documento relativa ao Garañón.

O TSXG pon en dúbida a legalidade do convenio porque sostén que non quedou suficientemente xustificada a renuncia do Concello ao aproveitamento urbanístico do 10% ao que lle correspondía por lei. O goberno municipal renunciou a este nunha negociación na que o promotor aceptou perder parte da edificabilidade que tiña concedida polo PGOU de 1991, pero trasladando parte da restante á zona máis alta da parcela, a máis rendible. E tamén onde os edificios tiñan maior impacto visual.

Comentarios