Balseiro: "Caballero deixou a Álvaro Santos só para os recados"

O delegado territorial da Xunta confirmou que Feijóo estará o martes na inauguración "da mellor escola infantil de Galicia"

José Manuel Balseiro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera A nova gardería xa está acabada. J.VÁZQUEZ

O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, confirmou que o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, inaugurará este martes "unha das mellores escolas infantís” da comunidade autónoma e “a mellor da provincia” na capital lucense, a que abre as súas portas este curso logo dun investimento próximo aos 1,5 millóns de euros por parte da Fundación Amancio Ortega.

Balseiro precisou que as novas instalacións, situadas na Avenida de Paulo Fabio, na zona norte da cidade de Lugo, poden ser visitada polas familias dos 82 nenos que gozarán da escola infantil, dado que a dirección do centro organizou “unha xornada de portas abertas”.

En rolda de prensa, o delegado precisou que os terreos foron achegados polo Concello de Lugo, o investimento amortizado pola Fundación Amancio Ortega e da xestión ocuparase, a través do Consorcio, a Xunta de Galicia.

Balseiro confirmou que neste curso ningún neno quedará sen gardería na provincia de Lugo, porque aínda que hai máis de 200 solicitudes en espera, algunhas delas serán derivadas a centros concertados e outras familias beneficiaranse “do Bono Concilia, que o ano pasado tivo máis de 300 beneficiarios na provincia”.

Tamén aclarou que a Xunta de Galicia creou 61 novas prazas públicas en escolas infantís no curso 2017-2018, concretamente en Burela e Mondoñedo; mentres que para o período 2018-2019, a rede pública autonómica verase incrementada en máis de cen prazas. 

"Santos quedou para facer recados"
O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, afirmou que o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos, quedou practicamente "para facer recados", logo de ser desautorizado polo líder galego do seu partido, Gonzalo Caballero, que decidiu celebrar en Lugo unha reunión da executiva nacional do PSdeG a propósito do malestar do primeiro e da súa intención de non acudir.

En rolda de prensa, Balseiro asegurou que Álvaro Santos "non estivo na reunión", pero "os seus compañeiros" de Lugo "deixárono desautorizado, porque eles si estaban", a pesar de que o secretario xeral enviara unha carta en días previos a Gonzalo Caballero para anticipar a súa incomparecencia, debido a que a data non fora cadrada previamente con el e tiña previsto outro encontro con militantes.

"Quedará para facer os recados, porque para ser secretario xeral, primeiro hai que ter autoridade, e esa autoridade non se demostrou, dado que a reunión se celebrou igual e o secretario xeral provincial non estivo", engadiu.

Ao seu xuízo, esa forma de proceder por parte de Gonzalo Caballero vén demostrar que está disposto a tomar "as decisións" tamén "dentro da provincia". 

Comentarios